O PP de Guitiriz traslada á conselleira as necesidades en materia de atención a maiores e nenos

O candidato do PP á Alcaldía de Guitiriz, Xosé María Teixido, trasladou á conselleira de Política Social, Fabiola García, as necesidades do municipio chairego en materia de atención a nenos e maiores. Foi nunha visita que a conselleira cursou este xoves a Guitiriz e durante a que mantivo un encontro con veciños e veciñas e cos membros da candidatura coa que os populares concorren ás eleccións municipais do vindeiro domingo 26 de maio.

O alcaldable popular explicou que “no programa electoral do PP para o noso municipio recollemos propostas concretas co obxectivo de fixar poboación”. Teixido engadiu que “moitos pais e nais que traballan noutros municipios se ven obrigados a levar os seus fillos a outros lugares porque en Guitiriz non dispoñen de prazas suficientes no Punto de Atención á Infancia”. Nese sentido, “é probable que esas familias acaben por abandonar o municipio”. Así, “de cara a fixar poboación en Guitiriz, é preciso ofrecer servizos de atención aos menores” e, polo tanto, os populares recollen no seu programa electoral “o inicio dos trámites para a creación dunha escola infantil para nenos e nenas de 3 meses aos 3 anos coa que dar cobertura á demanda de prazas no municipio guitiricense”.

Os populares de Guitiriz sinalaron que “os servizos de atención á primeira infancia que contribúen ao desenvolvemento físico, intelectual, afectivo e social dos nenos e nenas; ao tempo que favorecen a conciliación da vida laboral e familiar”.

Atención aos maiores
Os populares guitiricenses puxeron tamén en valor “a atención que reciben 12 maiores no centro de día do municipio contribuíndo a mellorar ou manter o seu nivel de autonomía persoal”. Nese sentido, o candidato á alcaldía do Partido Popular trasladou á conselleira “a necesidade de aumentar o número de prazas” porque “hai demanda para este servizo de atención diúrna”. Nesa liña, recordou que “o goberno local do PSOE non presentou un proxecto que permitise aumentar o número de prazas na nova ubicación do centro de día que foi estreado o pasado 6 de outubro e, polo tanto, continuamos a contar unicamente con 12 prazas igual que nas anteriores instalacións para as que se pagaba un alugueiro de 600 euros ao mes”.

 

Etiquetas