Polín acusa ao PP de boicotear os traballos para facer a residencia de maiores en Guitiriz

A alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, e a candidata socialista á alcaldía do municipio, Marisol Morandeira, denunciaron este xoves que “o PP bloquea reiteradamente o inicio dos traballos de construción da residencia no Concello, boicoteando aos veciños, pois trátase dun proxecto moi demandado. Primeiro puxeron todas as trabas posibles cando estiveron no Goberno municipal -entre 2011 e 2015- e tamén na oposición votando en contra desta prestación no Pleno; logo tentaron invalidar o contrato asinado coa Deputación para a posta en marcha desta infraestrutura, recurríndoo, pero a Xustiza díxolles que non había lugar á suspensión solicitada; e agora dende a Xunta de Galicia demoran durante meses un permiso para que as obras poidan arrancar”.

Polín explicou que “vimos de coñecer que a Xunta xa ten redactado un novo requirimento de documentación, solicitando un informe de non duplicidade e un informe de viabilidade económica, que antes non pedían e que, segundo os técnicos da Deputación non é necesario no caso da residencia de Guitiriz, pois a documentación estaba completa. Esta sorpresa final denota o interese por demorar o permiso de construción, porque ademais debemos ter en conta que o art. 64 bis da lei de Servizos Sociais que entrou en vigor o 1 de xaneiro deste ano di que non son precisos eses informes”.

A alcaldesa subliñou que “estamos aquí hoxe para facer pública esta historia interminable de desencontros incribles e demoras inxustificables que amosan a falta de sensibilidade da administración autonómica coa problemática social e os atrancos continuos, ridículos e de difícil comprensión nunha relación/colaboración que debería ser fluída e áxil entre dúas administración como son a Autonómica e a Provincial”.

“Non é o máis grave este tema, xa grave de por si, o grave resulta que hai una terceira administración en xogo, neste caso o Concello de Guitiriz, e como damnificada final a sociedade, os habitantes deste Concello, as persoas. Esas persoas maiores, con problemas, que viven sos ou padecen graves enfermidades que imposibilitan a atención nos seus domicilios. Saben os responsables autonómicos que hai máis de 60 persoas de Guitiriz en residencias da provincia de Lugo, de Ourense e da Coruña? Decátanse de que temos moitas persoas que necesitan un servizo e non o atopan a pesar de vivir en situación de precariedade extrema?. Non, non poden decatarse porque a sensibilidade, a humanidade, a empatía, non forma parte de certos políticos que teñen responsabilidades demasiado grandes para a súa capacidade”, engadiu.

“Sempre entendín que a política era a arte de servir á cidadanía, á cidadanía en xeral sen cor política, pero ó longo dos últimos anos tiven a oportunidade de comprobar que moitos políticos e políticas non coñecen esa premisa”.

“Levamos xa 8 anos pelexando para que este proxecto sexa unha realidade, oito anos de atrancos interpostos polo PP dende as diferentes administracións”, denunciou a Alcaldesa. Regina Polín lembrou que en abril de 2011, os Gobernos do PSOE no Concello e na Deputación asinan o convenio para facer a residencia. Entre 2011 e 2015, o PP no Goberno Municipal paraliza o proxecto, poñendo impedimentos urbanísticos para non conceder a licenza de obra municipal.

No 2015, unha vez recuperado o Concello, o proxecto non cumpría coa normativa urbanística e tiña que agardar pola aprobación do PXOM, tamén paralizado durante 4 anos. A día de hoxe, o Concello de Guitiriz segue á espera de que a Xunta de Galicia aprobe o PXOM. Ante esta situación, Concello e Deputación modifican o proxecto e adáptano ás limitacións urbanísticas que deixou o PP no municipio, elaborando un novo, pois onde antes se ía a construír unha residencia e centro de día, agora só se fai a residencia. Para o centro de día o PSOE no Goberno Municipal acondiciona a antiga Casa dos Peóns Camiñeiros, dándolle un uso social e ofrecendo esta prestación aos maiores do Concello. O convenio asinado contempla unha achega da Deputación de 1 millón de euros para a construción do centro mediante a rehabilitación da Casa do Botica, de titularidade municipal. O Concello ten a obriga de pór á disposición os terreos, feito que xa fixo; así como facer unha achega económica de 200.000 euros. A Alcaldesa e os Concelleiros socialistas decidiron reducir as súas retribucións para aforrar 50.000 euros ao ano e sufragar dita cantidade.

O pasado mes de marzo, o Executivo Provincial aprobou en Xunta de Goberno a contratación das obras de construción da residencia na Casa da Botica en Guitiriz. Fíxoo con 1,2 millóns, aforrando 400.000 con respecto ao prezo de licitación, que se destinarán ao equipamento. As obras agardan dende hai semanas polo permiso da Xunta para arrancar.

A xustiza dá a razón ao Concello e á Deputación
O Xulgado Contencioso Administrativo Número 1 ditou un auto no que rexeita a petición dos Deputados do PP e do non adscrito de suspender o contrato de construción da residencia de Guitiriz na Casa da Botica. Estas obras, que contratou a Deputación con 1,2 millóns de euros, poderían terse iniciado xa se a Xunta tivese concedido o permiso de construción, que demora dende hai tempo. No momento en que a Xunta decida dar este permiso, arrancarán as obras.

Unha residencia para os maiores de Guitiriz
A residencia na Casa da Botica ofrecerá ata 52 prazas, pois hai 26 habitacións que poden ser dobres. Seguindo o modelo de Deputación e Concellos, os veciños de Guitiriz terán prioridade de acceso, logo os dos restantes municipios da Comarca da Terra Chá e, seguidamente, lucenses en xeral. Do mesmo xeito, o prezo da praza adaptarase á capacidade económica de cada maior para que todos poidan acceder á mesma.

Etiquetas