As Pontes solicita a creación dun gran centro de transformación da madeira

Falar das Pontes é sinónimo da maior central de produción enerxética de carbón do país. Pero ese apelido, que aínda seguirá caracterizando á vila mineira a curto e medio prazo, desaparecerá con motivo das directrices ambientais que marca a Unión Europea, que obriga á descarbonización da economía e á potenciación das enerxías renovables. O Concello das Pontes, co obxectivo de sentar as bases da súa transformación industrial, postulouse  para acoller un gran complexo de transformación da madeira, que dea valor engadido a un sector con gran potencial de crecemento.

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, solicitou  o apoio do secretario xeral de Industria e a Pequena e Mediana Empresa, Raúl Blanco, para este proxecto, quen o acolleu favorablemente e insistiu en que, se houbese empresas interesadas, a implantación dunha nova industria transformadora da madeira podería ser susceptible de beneficiarse dos incentivos Reindus, destinados á reindustrialización.

González Formoso explica que As Pontes se enclava no centro do maior eixo produtor de madeira de toda Europa, dato que vai en consonancia cos 1,3 millóns de toneladas que consome a central de Ence de Pontevedra procedentes de toda Galicia.

O rexedor pontés alude á situación do complexo da cidade do Lérez para insistir en que Galicia non pode quedar sen unha industria de transformación, aínda que descarta que para a vila estea a apostar por unha celulosa.

Nese sentido, lembra que o auxe do comercio electrónico e da paquetería está a levar a un incremento da demanda do papel e o cartón. Tamén incide noutros usos que están a ter os excedentes forestais, como combustibles para centrais térmicas e como sustitutivo do queroseno.

Ademais, subliña as fortalezas da comarca para acoller un proxecto como o que defende. Así, lembra que, xunto a abundante materia prima, As Pontes conta con gas natural de alta presión fornecido pola rede de Reganosa, un porto exterior como o ferrolán que aínda ten gran capacidade para acoller máis tráficos e auga abundante.

Por iso, o alcalde das Pontes defende que o Goberno convoque un concurso a nivel internacional para a adxudicación dese complexo. Insiste en que hai marxe para crecer neste mercado, incorporando novos profesionais, como enxeñeiros forestais.

Neste sentido, lembrou que xa hai destacadas empresas, «como Intasa ou Biomasa Forestal, que nos ensinaron o camiño na industrialización da madeira na comarca».

Formoso lembra, ademais, que as plantas actuais son complexos respectuosos co medio ambiente e que por iso llas denomina biofábricas.«É importante que o municipio manteña o emprego industrial»

Etiquetas