As XII Xornadas do Peregrino impulsan o Camiño do Norte na Mariña e na Terra Chá a través de catro andainas

O deputado de Turismo en funcións, Eduardo Vidal Baamonde, participou na Casa Habanera de Guitiriz, na presentación das XII Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño nas comarcas de A Mariña e a Terra Chá. No marco desta iniciativa, impulsada pola Asociación de Amigos do Camiño do Norte Abrindo Camiño e na que colaboran a Deputación e os concellos de Lourenzá, Mondoñedo, Foz, Barreiros e Guitiriz, realizaranse catro andainas no mes de xuño para impulsar o Camiño do Norte ao seu paso pola provincia de Lugo.

As tres primeiras rutas serán os días 16, 23 e 29 de xuño e discorrerán pola variante marítima do Camiño do Norte, polos municipios de Ribadeo, Barreiros, Foz, Lourenzá e Mondoñedo. A cuarta andaina será o 30 de xuño polo Camiño do Norte ao seu paso polas localidades de Baamonde, en Begonte, e Parga, en Guitiriz.

As persoas interesadas en participar poden anotarse, ata o 12 de xuño, nas Oficinas de Turismo dos concellos de Mondoñedo, Lourenzá, Barreiros e Foz e tamén a través da  Asociación Abrindo Camiño, no teléfono 639072769. O custo por cada andaina é de 5 euros e as prazas son limitadas.

Programa e itinerario

A primeira andaina deste programa será o domingo 16 de xuño cunha etapa por Ribadeo-Barreiros-Basílica de San Martiño (Foz) polo Camiño Natural da Ruta do Cantábrico. É unha ruta de sendeirismo cunha distancia de 20 quilómetros de perfil suave. A saída está prevista ás 10:00 horas desde Rinlo, en Ribadeo. Ás 14:00 horas haberá avituallamento con petiscos e produtos típicos. A andaina rematará cunha visita guiada á Basílica-Museo de San Martiño e coa actuación da Banda Municipal de Música de Foz dedicada especialmente a Xesús Fernández “Suso do Bahía”, directivo Delegado de Abrindo Camiño e Cronista oficial de Foz.

A segunda etapa deste programa será o domingo 23 de xuño e discorrerá pola Basílica de San Martiño (Foz), A Cazolga e Vilanova de Lourenzá, polo Camiño Natural de San Rosendo. Trátase dunha andaina de 15 quilómetros cun perfil medio. A saída está prevista ás 10:00 horas desde San Martiño en Foz. Antes da saída os participantes visitarán o xardín botánico e Obradoiro de cerámica “Espazo Caritel”. Ao remate da ruta realizaranse visitas guiadas á Igrexa-Museo do Conde Santo e ao Centro de Interpretación da Faba de Lourenzá con degustación de petiscos e produtos típicos.

A terceira etapa, terá lugar o sábado 29 de xuño e discorrerá pola área Recreativa de “A Cazolga” en Lourenzá, Masma ata a área recreativa de “A Fervenza” de Viloalle en Mondoñedo. Trátase dunha andaina de 10 quilómetros e perfil suave que comezará ás 10:00 horas. Ás 12:30 horas os participantes serán recibidos na Finca Rural “O Remanso” da Ferrería de Viloalle, actual sede da Asociación Abrindo Camiño na que poderán participar na “Oración do Peregrino” oficiada por Alfonso Blanco Torrado, crego e directivo-delegado da Asociación “Abrindo Camiño” e por Xulio Xiz escritor e membro da Irmandade “Manuel María”.

A xornada rematará con Música e Poesía desde Mondoñedo en homenaxe a Miguel Freire “in memoriam”, coa colaboración de César Morán (guitarra) e Rebeca Maseda (violín), membros do Grupo Literario “Leiras Pulpeiro” de Mondoñedo e Mero Iglesias (guitarra) membro da Irmandade “Manuel María”. A andaina continuará ás 14:00 horas ata a área recreativa e etnográfica de A Fervenza de Viloalle en Mondoñedo rematando cunha romaría e actuacións musicais e xogos acuáticos na piscina fluvial. Ás 15:00 horas está previsto un xantar de confraternidade no merendeiro de “A Fervenza”, previa inscrición. No serán, continuará con xogos populares, un torneo da chave por parellas e actuacións musicais da banda de Música “Pascual Veiga” de Mondoñedo e do Grupo de Percusión da Escola Municipal de Música “O Pallarego”.

A última das andainas será o domingo 30 de xuño. Trátase dunha etapa que discorre por Baamonde en Begonte, a Igrexa de San Alberte e o Campo da Feira de Parga en Guitiriz. A ruta de perfil suave ten unha distancia de 12 quilómetros. A saída está prevista ás 9:00 horas desde a Igrexa de Santiago de Baamonde. Ás 10:30 horas, na Igrexa de San Alberte (Guitiriz) terán lugar varios actos en homenaxe ao sacerdote e fillo adoptivo de Guitiriz, Alfonso Blanco Torrado, pola súa labor en pro do Camiño de Santiago na Terra Chá. Tamén se presentará unha revista conmemorativa. A andaina contará con varias actuacións musicais e un recital poético e continuará ata a Feira tradicional de Parga en Guitiriz.

Ás 13:00 horas, no Salón Social do Centro de Iniciativas turísticas de Parga, celebrarase unha mesa de debate na que as Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago analizarán o Ano Xubilar e o Xacobeo 2021. No encontro participarán Luis Gutierrez Perrino, Presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago; Laureano Victor García Díez, Presidente da Agrupación de Asociacións “Camino del Norte” do Pais Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia; Manuel López Vázquez, Presidente da Xunta Xestora da FEGAC Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago; Xosé María García Palmeiro, Presidente de APECSA a Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño de Santiago; J. Luis Fernández Ansedes, Presidente da Asociación Abrindo Camiño de Amigos do Camiño Norte de A Mariña e a Terra Chá da provincia de Lugo.

 

Etiquetas