Representantes das Asociacións de Hostalaría do Norte de España manteñen un encontro

O Deputado de Turismo en funcións, Eduardo Vidal Baamonde, recibiu no Pazo de San Marcos aos representantes de asociacións da Hostalaría de Cantabria, Pais Vasco, Asturias, Coruña, Santiago e Lugo. No encontro, os representantes destas asociacións tiveron a oportunidade de intercambiar ideas sobre os programas e actividades que están a levar a cabo nos seus territorios para promover o turismo. Tamén puxeron en común as boas prácticas para impulsar os Camiños de Santiago e incrementar a calidade dos servizos que ofrecen aos peregrinos.

Estas asociacións de hostaleiros do Norte de España están a impulsar conxuntamente o proxecto Peregrinos por el Norte cun importante compromiso na atención aos camiñantes de calquera das variantes do Camiño de Santiago ao seu paso por Guipuzkoa, Bizkaia, Cantabria, Asturias, Lugo e A Coruña. Os case 130 hoteis que forman parte desta iniciativa están a ofrecer servizos estandarizados, especializados e exclusivos orientados ás necesidades dos peregrinos.

O Deputado de Turismo en funcións destacou “a importancia territorial e influencia que a provincia de Lugo aporta aos Camiños de Santiago e a necesidade de ofrecer  servizos de calidade aos peregrinos coa finalidade de que leven unha boa imaxe e elixan repetir a experiencia ou recomendala”.

Vidal Baamonde destacou tamén a importancia da colaboración entre o sector público e privado para levar a cabo iniciativas que impulsen un turismo de calidade e engadiu que “da man do sector privado impulsamos iniciativas como a campaña de Exaltacións Gastronómicas… E para Comer Lugo, que estamos a desenvolver conxuntamente a Deputación coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) como unha iniciativa para potenciar o turismo gastronómico na provincia”.

Etiquetas