Escolares de Gutiriz presentan unha ruta das tapas nos bares do Concello

Un grupo de 26 alumnos de cuarto de Primaria, aspirantes a chefs, son os principais eixes dun proxecto do CEIP Lagostelle de Guitiriz xunto coa asociación de Hostaleiros De Bares.

O obxectivo principal deste proxecto era traballar a alimentación saudable e poñer en valor os produtos locais e a produción ecolóxica pero agora o proxecto foi a máis e tará a súa culminarción esta fin de semana coa degustación de tapas gratuítas Probando Probando en seis locais de Guitiriz.

O proxecto iniciouse cun amplo programa de actividades que incluíu presentacións virtuais, yincanas, investigacións, entrevistas a avoas, cartas de agradecemento aos hostaleiros, o deseño dun logo, a elaboración dun portfolio… e outra infinidade de propostas para traballar todas as áreas formativas, fomentando a colaboración. Participaron ademais en dous talleres, un con Lucas Requejo, que lles falou dos produtos do Km0 e axudoulles coas receitas; e outro con David Chavello, de Artesanía Chavello, sobre empratado e sustentabilidade.

Os seis equipos nos que se repartiron os alumnos visitaron as cociñas dos locais para facer prácticas, e contaron coa axuda das súas familias, que lles fixeron os gorros de cociñeiro; do colexio, que comprou os mandís; dos compañeiros de terceiro ou dunha profesora, que deseñou dous carteis, un con pictogramas.

Así que este fin de semana poderá valorarse o traballo feito saboreando as tapas, que se servirán venres e sábado, de 13.00 a 15.00 e de 20.30 a 22.30 horas, e o domingo ao mediodía. Ademais, ao comezo do certame presentarase a tapa en cada local, onde haberá unha árbore de madeira con fotos do equipo, o prato e o proceso, xunto a un texto de presentación.

Os pasos dados pódense seguir na web www.educareeducere.com e, unha vez finalizado todo o proceso, farase un balance da experiencia, porque o seu propósito é que teña continuidade.

Etiquetas