O PP de Rábade lamenta que o PSOE apoie de novo ao candidato independente

A candidata do PP á Alcaldía de Rábade, Remedios González, lamenta “a postura do PSOE” tras manifestar o seu apoio ao candidato independente e rexedor en funcións que permitirá reeditar novamente “un pacto de perdedores”. Así o considera a popular ao ter en conta que “a lista máis votada en Rábade foi a do Partido Popular incrementando incluso nun 4% os apoios nas eleccións deste 2019 con respecto ás do 2015”.

González subliña que “ambas as formacións perderon nas urnas” e lamenta que “sexa o partido que sacou 150 votos o que decida o Goberno de Rábade para os vindeiros catro anos” porque considera que “hipotecará de novo aos nosos veciños e veciñas que optaron maioritariamente por un cambio da man do Partido Popular”. Concretamente, a cabeza de lista dos populares en Rábade considera que o apoio ao PP nas urnas deixou claro que “os rabadenses queren un Goberno popular que remate coa nefasta xestión de Fernández Montes que leva gobernando 20 anos sen maiorías absolutas”.

A popular sinala que “IR paga ao PSOE o sillón da alcaldía” a pesar de que os socialistas non lograron ningunha rendibilidade política dos últimos catro anos formando parte do Goberno local”. Así se desprende da baixada na porcentaxe de votos que veñen a demostrar “a súa incapacidade para gobernar”. Remedios González cre que “é o interese persoal o que move aos candidatos de ambas as formacións”.

Etiquetas