PSOE e Vilalba Aberta chegan a un acordo para investir a Elba Veleiro alcaldesa

O PSOE e Vilalba Aberta veñen de facer público que chegaron a un acordo programático para a investidura de Elba Veleiro como vindeira alcaldesa deste municipio no Pleno que se celebrará o vindeiro sábado día 15 de xuño. Este acordo fructificou logo dunha serie de xuntanzas de traballo entre ambos partidos, que suman a maioría absoluta da Corporación.

Os voceiros de ambas forzas, Elba Veleiro e Modesto Renda, coinciden en destacar a necesidade dun cambio na institución logo de 40 anos de goberno continuado do PP, atendendo deste xeito ao mandato de cambio e de entendemento entre diferentes recibido da veciñanza nas pasadas eleccións municipais.

Este acordo de investidura ten por obxecto posibilitar un novo modelo de xestión municipal baseado na transparencia, na participación veciñal e nunha xestión racional dos recursos públicos, principios compartidos nos programas políticos de ambas formacións.
Precisamente as coincidencias programáticas e a vontade compartida de antepoñer os intereses do Concello aos intereses de partido, culminarán coa investidura da primeira alcaldesa de Vilalba dende a volta da democracia.

Etiquetas