Polín preside a inauguración do centro de día para pechar o seu labor como alcaldesa

Regina Polín, a que foi alcaldesa de Guitiriz os últimos anos, pechou a súa representación política coa inauguración do centro de Día, un acto con un tinte amargo para a política de Guitiriz polo seu ton de despedida.

As instalacións do centro de día, ubicadas na antigua casa de peóns camineros, empezaron a funcionar fai uns seis meses, despois dunha obra complicada e moitas esperas. O seu financiamento estivo ao cargo dos fondos europeos con 67.000 euros, aos que se sumou outra partida municipal.

No acto de inauguración participaron usuarios, familiares e amigos para festexar o final das obras na parte exterior, que veñen de rematar deixando aberta a posibilidade da ampliación. Tamén falaron traballadores e os propios maiores, que se mostraron contentos coa nova ubicación.

O centro de Día de Guitiriz foi o primeiro da comarca xa que abriu as súas portas no ano 2007 nun local que tiña un aluguer de 600 euros ao mes, ata que se trasladaron a esta nova ubicación.

Actualmente o centro ten 14 usuarios, tanto de Guitiriz como das distintas parroquias, e traballan nel unha terapeuta ocupacional, dous auxiliares de enfermaría e unha cociñeira.

Etiquetas