O macroconcerto conmemorará os 40 anos do Festival de Pardiñas

Cantando as corenta é o título dun espectáculo único co que o festival de Pardiñas celebrará as súas catro décadas de vida. Susana Seivane, Manuel Reixa, Pepe Vaamonde e Xosé M. Pereiro serán algúns dos nomes que se xuntarán nunha actuación inesquecíbel que se desenvolverá durante a tarde do domingo.

A actuación, creada de forma exclusiva para celebrar as catro décadas do festival, xorde a proposta da Asociación Cultural Xermolos, organizadora do propio Pardiñas e consistirá en tres horas de música e baile cun resumo dos fitos máis destacados da historia do festival.

Cantando as corenta xuntará no escenario de Pardiñas, en Guitiriz, unha banda de once instrumentistas formada músicas e músicos que nalgunha das edicións celebradas durante estas catro décadas actuaron no festival, e con elas e eles estarán as voces de solistas que tamén deixaron unha pegada especial en Pardiñas como son Susana Seivane, Antón Reixa, Uxía, o gaiteiro Pepe Vaamonde, Kevin Weatherill (líder de Immaculate Fools) ou Xosé Manuel Pereiro (vocalista de Radio Océano).

Os once instrumentistas levan meses preparándose para a actuación baixo a dirección do saxofonista coruñés Richi Casás quen actuará no festival co grupo Os Papaqueixo.

A maioría destas artistas procede tamén da inmensa canteira de músicos e músicas que algunha vez actuaron en Pardiñas como Nacho López, guitarra e voz do Jarbanzo Negro; María Prado, trompeta de Banda Xangai; Álvaro Trillo, batería de Dios ke te Crew; Olivier Cano, saxo e frauta de Tres Trebóns; Mangüi Martín e Xurxo Souto dos Diplomáticos de Monte-Alto; Xan Xove e Antón Díaz dos Papaqueixos.

Desde a organización queren que o baile cobre grande protagonismo nesta 40 edición, polo que convocan “a todas as bailadoras e bailadores do país” para achegar o seu talento e acadar en Pardiñas “a apoteose”.

Sobre o baile sinalaron na presentación que nestes corenta anos deuse unha “singular metamorfose” en Pardiñas indo “do pogo ao punto” ou, o que é o mesmo, segundo sinalaron, “do baile incontrolado, a base de choutos e empurróns á marabilla dos puntos de muiñeira, que cada vez campan máis sobre a herba do festival”.

O espectáculo ten o seu impulso primeiro no propio talento e creatividade das veciñas e veciños de Guitiriz. Por iso tamén actuará a Coral, a Banda de Gaitas e o Bloquinho de Xermolos.

A maiores, tamén haberá un recoñecemento especial a Sito Carracedo: o luthier das portas abertas, que, ano tras ano, acolle a centos de persoas no seu taller. Na súa honra soará a estrea absoluta dunha obra dedicada ao seu invento máis famoso: O peitoque, un pequeno instrumento de percusión “capaz de erguer a maior das treboadas”.

O macroconcerto no será a única actuación prevista pero o programa aínda está sen pechar.

Os inicios

Un 3 de agosto de hai 40 anos a Asociación Cultural Xermolos inaugurou un dos seus proxectos máis cobizosos: o Festival de Pardiñas. Naquela primeira edición déronse cita Saraibas, María Manuela, Xoán Rubia, Xosé Ramón Eiriz e os grupos de Gaitas e Danzas Agarimo de Ferrol.

Ano a ano o festival foise convertendo nunha referencia para toda Galiza, até que a afluencia da xente e imposibilitou concentralo todo nun só día e optouse por alargar a programación unha xornada máis con actividades como a mostra de instrumentos de música tradicional, en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos.

Cartel

A organización do festival presentou fai uns días o cartel artístico para a XL edición do festival, obra do autor Leandro Lamas. Este artista comezou a súa andaina no 1997 expoñendo por primeira vez no Café da Vaca (Ferrol). Ao ano seguinte, estivo en Sargadelos de Ferrol e arrredor do 2000 na Casa das Artes no festival e dende aquela non deixou de pintar e levar os cuadros a un lado e outro. Tamén destacou polas súas ilustracións de libros, capas de CDs, murais, carteis, escenografías, cadros personalizados, acuarelas, etc.

Etiquetas