Durante o verán reformaranse once centros educativos da comarca

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional destinará este verán preto de 900.000 euros adicionais dirixidos a impulsar novas obras de reforma e melloras en 55 colexios e institutos da provincia de Lugo. Trátase dunha achega complementaria ás obras xa previstas como reforma integral e mellora da eficiencia enerxética e que tamén se executarán este verán.

Os traballos prográmanse cada verán, aproveitando as vacacións do alumnado, para así evitar interferir no ritmo diario do curso escolar. Son obras, deseñadas en función da súa prioridade pola unidade técnica de acordo coas direccións dos centros, dirixidas a poñer a punto as instalacións de cara o vindeiro curso.

As obras proxectadas son de tipoloxía moi variada, en función das necesidades de cada centro, pero todas elas responden a traballos de reforma, conservación e mellora, ou a iniciativas dirixidas a afrontar continxencias que precisaban que finalice a actividade docente.

Na liña dos últimos exercicios, a Xunta fará un especial fincapé nas melloras relacionadas coa seguridade e accesibilidade dos centros educativos, ademais de acometer reformas e obras tendentes ao aforro enerxético. Así son comúns a instalación e renovación de electricidade e luminarias, o cambio de fiestras e portas ou a reforma de aseos, das redes de saneamento, fontanaría ou a substitución de caldeiras. Tamén están previstos outros traballos de conservación extraordinaria en cubertas e envolventes, en patios e en espazos destinados á Educación Infantil.

As obras que se executarán este verán distribúense por toda a provincia repartidos entre os máis de 623.000 euros previstos en 42 colexios de educación Infantil e Primaria e os máis de 256.000 euros que se investirán en 13 institutos de ensino secundaria, bacharelato ou formación profesional.

Por comarcas hai previstas actuacións en oito municipios da zona centro da provincia (Lugo, Sarria, A Ulloa) e en case unha vintena de centros educativos por importe de 328.000 euros. Na Mariña actuarase en trece colexios e catro institutos distribuídos en nove concellos e con achegas que superan os 277.000 euros. Na zona sur hai previstas obras en oito concellos e dez centros escolares con achegas de 127.300 euros. E, finalmente, a Terra Chá e Meira concentran en cinco colexios e catro institutos con investimentos por valor de 162.000 euros.

Así as obras previstas nesta zona serán o cambio de ventás no CEIP Terra Chá e no IES Lois Peña Novo de Vilalba. Tamén acometerán unha reforma eléctrica no CEIP de Xermade e no de Muimenta. Tamén se fará instalación eléctrica nova no Ramón Falcón de Castro de Rei. Finalmente, haberá instalación dun termo no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, así como construcción de Soleira no CEIP Poeta Avelino Díaz. Tamén en Meira, cambiarase a carpintería no IES Pedregal de Irimia. Tamén en Pol, no CEIP Rosalía de Castro, repararase a instalación eléctrica e en Riotorto modificarase a carpintería  no CEIP.

Etiquetas