Comezan en Gontán as obras de construción do parque multiaventura

A área recreativa de Gontán contará a partir do próximo mes cunha área de multiaventura de acceso libre e gratuíto no que unha gran tirolina presidirá os xogos que se porán a disposición dos pequenos.

Así o anunciou o alcalde da localidade, José María López Rancaño, que afirmou que esta obra conta cun orzamento de arredor de 48.000 euros que serán financiados polo Concello e a Deputación provincial de Lugo.

As obras que están xa en marcha terán unha duración de pouco máis dun mes polo que poderán estar finalizadas antes de que remate o verán.

A área recreativa de Gontán está situada a orillas do río Labrada, ao seu paso polo núcleo de Gontán, conta con varios merendeiros e unha praia fluvial acondicionada así como cunha explanada de cemento para facilitar o baño. Entre as instalacións actuais figuran unha pista de pádel, unha multideportiva, un parque biosaudable, sendas peonís e un paseo sobre unha pasarela de madeira.

Debido ao centralizar neste lugar varias actividades de ocio, o Concello optou por incrementar as dotacións cun parque infantil de xogos e unha zona de multiaventura.

Para ubicar estes xogos escolleuse un espazo rodeado cunha pasarela de madeira de 1,50 metros de ancho. Nel farase unha tirolina de 20 metros de percorrido con caída de 1,37 metros, que estará rodeada de diferentes tipos de xogos con randeeiras, tobagáns, castelos para trepar, todos homolados pola Unión Europea.

Todos estos xogos contarán con solo de seguridade que se emprega para protexer aos nenos de caídas.

Etiquetas