Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba prepárase para celebrar o Día do Orgullo LGBTI

Por 3 Xullo, 2019Sin comentarios

Dous anos pasaron xa dende que a veciñanza vilalbesa desbordase as previsións da primeira convocatoria de Vilalba Aberta, con motivo do Día Internacional do Orgullo LGBTI. Un chamado á mobilización, que posibilitou por primeira na historia de Vilalba a celebración dun Orgullo LGTB, e que, tal e como veñen de confirmar dende a formación, contará este ano coa a súa terceira edición.

A nova convocatoria (hoxe, dende as 20h na Alameda) busca sumar á veciñanza de Vilalba á ola de reivindicacións do colectivo nas diferentes cidades do conxunto do Estado, pola vía dun primeiro debate aberto moderado por María Pérez Iravedra e no que participarán a directora de cine, artista audiovisual e activista LGTBI, Carmen Granxeiro; o coruñés e membro do Observatorio contra a LGTBIfobia, Pablo Zas, e o membro da Asociación pola Liberdade Afectivo Sexual (ALAS), Jesús García Crespo.

A música e a festa darán continuidade a unha xornada de “reivindicación e ledicia”, que rematará coa lectura dun manifesto a cargo estudante e veciño de Vilalba, Alfonso Bermúdez Prado.

“Pretendemos confluír coa veciñanza na defensa das e dos que non poden expresar a súa sexualidade con liberdade”, declarou a concelleira da formación, María Xosé Fernández.

Na mesma liña se pronunciou o voceiro da formación, Modesto Renda, destacando a importancia da visibilidade, pois “ningunha sociedade pode ser considerada coma democrática e plural se se manteñen ou alimentan situacións de exclusión e de rexeitamento cara a unha parte dos seus membros”

É por isto que chaman á participación nunha xornada que levará á Alameda de Vilalba a visibilidade e a reivindicación dun festexo, ata o de agora, reducido ás celebracións das grandes vilas e cidades.