O programa Cultura no Camiño achégase este ano a unha vintena de concellos lucenses

O programa Cultura no Camiño achegase este ano a unha vintena de concellos da provincia de Lugo polos que discorren diferentes rutas xacobeas, que son beneficiarios das axudas para a contratación de actuacións escénicas e musicais que se desenvolven ata o 30 de setembro. 

As subvencións concedidas nesta provincia suman 50.000 euros, para apoiar o financiamento das actuacións de teatro, danza, música, novo circo ou maxia contratadas ao abeiro deste programa. Segundo establecen as bases da convocatoria, os gastos asumiranse de xeito compartido entre a Administración autonómica e as locais, en diferentes porcentaxes dacordo co número de habitantes de cada localidade. No caso da provincia de Lugo, cada concello participante percibe unha axuda de 2500 euros.

A programación estenderase por diferentes concellos lugueses do Camiño Norte -Mondoñedo, Guitiriz, Begonte, Vilalba, Trabada, Barreiros e Ribadeo-;  Camiño Primitivo -A Fonsagrada, Guntín, Castroverde, Friol e Baleira-; Camiño Francés -Paradela, Palas de Rei, Sarria e Portomarín-; e Camiño de Inverno -Quiroga, Monforte de Lemos, Chantada e Pantón-. 

Son os programadores culturais de cada municipio os encargados de configurar as súas carteleiras a partir do catálogo artístico que se pon á súa disposición a través de www.galescena.gal. A través desta mesma web, as formacións artísticas galegas de carácter profesional achegaron as súas propostas de teatro, danza, música, narración oral, novo circo ou maxia para este circuíto.

Cultura no Camiño mantén como obxectivo desde as súas orixes contribuír á dinamización cultural das localidades do Camiño de Santiago nos meses de maior afluencia de peregrinos e visitantes, fixando como período de desenvolvemento da programación do 1 de maio ao 30 de setembro de 2019.

Etiquetas