As orixes do Libro do Xosé

Por Moncho Paz

O meu pai non tiña unha tenda, tiña un mundo. Como todas as tendas, era un espazo para a compra-venda, pero tamén era o lugar da conversa amigable, os reencontros e a transmisión de valores. Nela criáronse varias xeracións de nenos –os últimos os meus propios fillos– e nela forxouse a historia da miña familia e o seu peculiar xeito de entender a vida.

Os recunchos da tenda, os seus espazos de luz e sombra propiciaban as confidencias. E foi neste contexto onde o meu pai me contou as orixes da nosa familia. “Corría o ano 1683 cando un científico holandés, Anton van Leeuwenhoek, considerado o pai da Microbioloxía, observou por vez primeira unha bacteria ao microscopio, todo un fito na historia da Humanidade. Ese ano naceu o meu tataravó Alfonso, o auténtico iniciador dos relatos do Libro do Xosé. Naquel tempo a convivencia sufría una gran transformación, era unha época na que as persoas se relacionaban dun xeito que pouco ou nada tiña que ver coas convencións sociais actuais, había un respecto e unha consideración a quen máis destacaba -social e economicamente- e tiña moita forza a idea da disciplina de servizo, sen esquecer as crenzas e os costumes populares. Aínda que o nome propio prevalecía entre a xente, moitos eran os que se coñecían polo alcume, pois o nome de pila e os apelidos non se empregaban apenas entre a veciñanza”. Esta introdución á historia familiar espertou de súpeto o meu interese. E nesta columna que rende homenaxe ao meu pai, Ramón Paz Guntín (1938-2019), coñecido entre os seus amigos como o Chavito, contarei cada mes cousas que me aprendeu dende meniño.

Dicía sempre o Chavito que na súa infancia todos os raparigos de Vilalba coñecíanse polo alcume. Nado en 1938 na rúa dos Xardíns, en plena guerra civil, foi un dos nenos da posguerra que viviron a terrorífica década dos anos corenta, cando o ambiente cheiraba a carburo e gasóxeno, e cando o racionamento, o contrabando e a fame campaban ás súas anchas en aldeas, vilas e cidades. Na súa madureza lembraba que os xogos infantís eran bastante rudimentarios e, na súa maioría, viñan importados das xeracións anteriores. Quen tiña unha pelota de goma para xogar ao fútbol era motivo de admiración polo resto dos rapaces, que sempre agardaban que os Reis Magos viñeran cun balón novo. Ata entón o desafortunado ía ser o dono do esférico, permanentemente acosado por todos, e así ata que o xoguete aguantaba… Cando quedaba inservible os cativos sentíanse solidarios co dono e arrincaba a promesa común de mercarlle outro, entón facíase unha lista de nomes e a vontade inicial de achegar cada un a súa parte proporcional; había dous ou tres que nunca fallaban, mentres o resto da tropa adoitaba un compromiso feble, fundamentalmente pola falta de recursos económicos.

O balón era o rei dos xoguetes e cada barrio facía o seu equipo, nun tempo no que era complicado xuntar os cartos para camisetas, pantalóns ou botas. Todos os barrios da vila (Porta de Cima, As Pedreiras, Praza de San Xoán, a Carretera, Fontiñas…) contaban cun equipo de seu. Cada domingo os rapaces xogaban ao balón, non chamaban a ninguén polo seu nome de pía senón polo alcume ou o nome dun futbolista, a maioría das veces un internacional ou dos máis distinguidos da División de Honra. Os alcumes quedaban de por vida, como lle aconteceu ao Chavito e a moitos outros da súa xeración.

O Chavito sentiuse sempre continuador dos seus devanceiros e dende moi novo amosou interese por coñecer nomes e sobrenomes que distinguían aos veciños. Con moitos mantivo unha tertulia diaria na tenda, que foi especialmente concorrida a medida que chegaba o intre da xubilación.

O meu pai foi un home sabio, que soubo cultivar as amizades dun xeito moi particular. Sempre levaba dentro aos amigos da xuventude, entendíanse entre eles con moita retranca; e sentía moito a súa perda. Vino especialmente afectado en dúas ocasións. Sendo eu un neno, cando morreu Silvestre Beceiro, veciño dos Castros, con quen percorrera as feiras na mocidade; coa súa viúva, Adelina, e cos seus fillos, mantivo unha magnífica relación toda a vida.

E a segunda vez cando finou Acisclo Álvarez Graña, hai un par de anos; moito máis ca un amigo, foi como un irmán maior para el o e os seus irmáns Mario e Cándido, que quedaran orfos sendo moi novos. Alentounos no inicio da súa actividade empresarial, deixando atrás as feiras e profesionalizando o negocio de distribución de alimentación; pero esa xa é outra historia.

Etiquetas