Listeriose

Por Breixo Gónzalez

Imos falar  hoxe dunha enfermidade  que está a saír  moito nos medios de comunicación: a listeriose e é bo afondar nesta patoloxía, que causa, cales son os riscos e  como identificar os seus síntomas.

A listeriose  é unha enfermidade causada por bacterias  do xénero Listeria. Esta bacteria está  presente no aparato dixestivo humano, pero tamén se atopa no medio ambiente, (humanos e animais así como na terra…).

Unha particularidade de estas bacterias e que as fai especialmente perigosas é a súa capacidade de crecer a baixas temperaturas (4-6°C), polo que non sufre paradas no seu crecemento nos sistemas deconservación  habituais,  é dicir os frigoríficos domésticos.

Nos alimentos, como dicíamos  sobrevive e multiplícase sen problemas a temperaturas de refrixeración. Polo contrario, os tratamentos térmicos culinarios ou na elaboración de conservas destrúen a bacteria (cocción, frituras ou asados).

A transmisión prodúcese por contaminación fecal dos alimentos ou dos útiles e superficies empregados na manipulación dos alimentos. Crece tamén nas superficies máis agochadas das máquinas utilizadas na industria alimentaria ou nas paredes e esquinas das cámaras de conservación e nos canos de condución de auga.

Entre os alimentos potencialmente susceptibles de estar contaminados por listerias destacan o leite e produtos lácteos, os peixes e mariscos, as aves de curral e ovos e derivados,  e as hortalizas e verduras.

O consumo de calquera destes alimentos en cru ou tras un cociñado lixeiro, é dicir, sen un tratamento térmico suficiente (superior a 65 °C) contribúe á difusión da enfermidade. É o caso dos queixos frescos, os patés ou o peixe cru. Outro factor predispoñente é a limpeza inadecuada dos produtos vexetais.

Por estas razóns, a limpeza e desinfección das superficies onde se elaboran os alimentos, así como toda ferramenta  e utensilios empregados na elaboración e procesado dos alimentos  así como unha boa limpeza e desinfección das instalacións e unha boa hixiene das mans.

A listeriose ten un período de incubación moi irregular, desde unha semana a varias. A enfermidade maniféstase con febre, dores musculares e, ocasionalmente, náuseas e diarrea. Existe unha forma nerviosa que cursa con cefalea, confusión, alteracións motoras e perda do equilibrio.

No caso das mulleres embarazadas adquire unha especial perigosidade xa que, aínda que elas manifestan normalmente síntomas semellantes ós dunha gripe, a infección do feto pode causar malformacións un parto prematuro ou a morte do neonato.

A mortalidade global por causa da listeriose en adultos estímase entre o 33 e o 62%.

Etiquetas