Xosé Barato pregoará o Festival de Cine de Roca

O vindeiro venres 26 ás 21:30 o actor Xosé Barato pregonará o VI Festival de Cine de Roca, especializado no cine de Música.

Con raíces en Guitiriz, José Luis López Roca, Xosé Barato de nome artístico, criouse na Coruña onde na súa adolescencia se achegou ó mundo da interpretación por medio do grupo de teatro afeccionado Sardina e posteriormente na súa etapa universitaria participou da compañía de teatro Barato, coa que fixo diversos montaxes e da cal provén o seu sobrenome artístico.

De seguido chegaron diversos traballos televisivos e no mundo do teatro que o deron a coñecer, así como no cinema.

Xosé Barato participou en programas como Historias de Galicia, que lle supuxo gañar o premio Mestre Mateo a mellor intérprete no ano 2007, premio que logo volvería gañar no 2009 pola interpretación en A miña famosa familia. Destaca tamén o premio Premio do xurado á mellor interpretación masculina por A liña política no Festival de Cans.

Tralo pregón proxectaranse unha parte das curtas seleccionadas para o festival, xa que o resto poderán verse a noite do sábado para rematar coa entrega de premios.

A asociación Xermolos e os veciños de Roca organizan a sexta edición do concurso de curtametraxes do Festival de cine de música de Roca, que vai ter lugar os días 26 e 27 de xullo de 2018 na aldea de Roca, en Guitiriz.

Hai dúas categorías, unha de curtametraxes galegas e outra de fóra de Galicia, cun premio en metálico en cada categoría de 100 euros e un trofeo a cargo dun artesán da comarca.

Os gañadores desta edición recibirán uns trofeos elaborados para a ocasión, obra do artesán vilalbés Marcos Ladra. Por outra banda, o cartel anunciador deste ano é obra de María Ferreiro.

Etiquetas