Comezan mañá tres días intensos no Festival de Pardiñas

A Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz xunto coa hostalería guitiricense organiza de novo o festival de Pardiñas que este ano será o 2, 3 e 4 de agosto e festexa a súa XL edición.

A festa dará comezo o día 2 coa música tradicional que empezará ás 20:30 horas cos Cantos de Taberna polos bares da vila coa participación de Pub Titanic, O’Korreo, Café Centro, Casa Gaibor, Casa Nistal, Pub Flamingo, Pub Zeus, Pub Soa e Pub Xoldra.

Xa o sábado día 3 a xornada comezará ás 16:00 co Aberto de Billarda, seguido da apertura da mostra de instrumentos de música tradicional, a mostra de artesanía e do pregón, que estará a cargo de Lois Mourinho.

Ás 18:00 horas comezará a primeira actuación musical con As Cantigas de Elena, e depois dará comezo a XL Carreira Popular.

Máis tarde, Bloquinho de Xermolos abrirá a quenda de concertos e, ás 21:00, seguiranlles Os Melidaos, Harmonía Creams, Habelas Hainas, Dubhlinn & Anxo Lorenzo, e, ás 04:30 horas, Zënzar pechará o apartado musical.

O domingo día 4 volverase a abrir ás 11:30 a mostra de instrumentos de música tradicional e a mostra de artesanía. Ás 13:00 horas será o vermú no campo cos Rueiriños de Nós, e xa pola tarde comenzará o Pardiñas Miudo con Peter Punk.

Ás 19:00 será o momento do pregón musical con Pilocha, Miro Casabella, María Manuela, Quintas Canella e Mero. E acto seguido Os Carunchos farán bailar aos asistentes.

Xa ás 22:00 dará comezo Cantando as corenta, que xuntará no escenario de Pardiñas a unha banda de once instrumentistas formada por músicos que tocaron nalgunha das edicións celebradas durante estas catro décadas, e con elas e eles estarán as voces de solistas que tamén deixaron unha pegada especial en Pardiñas como son Susana Seivane, Antón Reixa, Uxía, o gaiteiro Pepe Vaamonde, Kevin Weatherill (líder de Immaculate Fools), Sito Carracedo ou Xosé Manuel Pereiro (vocalista de Radio Océano).

Os once instrumentistas levan meses preparándose para a actuación baixo a dirección do saxofonista coruñés Richi Casás.

A maioría destas artistas procede tamén da inmensa canteira de músicos e músicas que algunha vez actuaron en Pardiñas como Nacho López, guitarra e voz do Jarbanzo Negro; María Prado, trompeta de Banda Xangai; Álvaro Trillo, batería de Dios ke te Crew; Olivier Cano, saxo e frauta de Tres Trebóns; Mangüi Martín e Xurxo Souto dos Diplomáticos de Monte-Alto; Xan Xove e Antón Díaz dos Papaqueixos.

Desde a organización queren que o baile cobre grande protagonismo nesta 40 edición, polo que convocan “a todas as bailadoras e bailadores do país” para achegar o seu talento e acadar en Pardiñas “a apoteose”.O espectáculo ten o seu impulso primeiro no propio talento e creatividade dos veciños de Guitiriz. Por iso tamén actuará a Coral, a Banda de Gaitas e o Bloquinho de Xermolos.

A maiores, tamén haberá un recoñecemento especial a Sito Carracedo: o luthier das portas abertas, que, ano tras ano, acolle a centos de persoas no seu taller. Na súa honra soará a estrea absoluta dunha obra dedicada ao seu invento máis famoso: O peitoque, un pequeno instrumento de percusión “capaz de erguer a maior das treboadas”.

Xa para rematar a xornada ás 01:30 horas o TT Syndicate pechará os corenta anos desde tradicional festival guitiricense.

Etiquetas