A alcaldesa de Vilalba anuncia obras de humanización na avenida Terra Chá

O novo equipo de Goberno que preside a socialista Elba Veleiro ten previsto aproveitar as obras que está a realizar a Xunta de Galicia na avenida Terra Chá para leva a carbo ao mesmo tempo un proxecto de humanización desta zona, unha das vías máis poboadas do Concello.

A intención é presentar no menor tempo posible un proxecto no que se inclúen diferentes accións encamiñadas a unha mellora dos servizos da zona así como a facela máis atractiva para os viandantes.

Aínda que o proxecto non está rematado, a intención do equipo de Goberno está dirixida ao cambio de luminarias para ter un maior aforro enerxético así como a colocación de árbores e bancos nos espazos máis amplos das beirarrúas. “Non está rematado o proxecto pero temos claro que queremos ir polo respecto ao medio ambiente, o aforro e a huminización”, engade a alcaldesa.

Segundo aclara, están aínda deseñando o proxecto, “non o puidemos facer antes -di- porque ata o mes de xuño non recibimos o Goberno e había moitas cousas urxentes que solucionar primeiro”, e a intención é poñelo en marcha no terceiro trimestre deste ano.

Etiquetas