Skip to main content
ActualidadePol TERRACHÁXA

Pol vivirá este sábado a súa Festa do emigrante

Por 23 Agosto, 2019Sin comentarios

O Concello de Pol celebrará este sábado, 24 de agosto, a súa tradicional Festa do Emigrante  cos veciños e visitantes que tamén queiran participar, e que se darán cita na carballeira de Mosteiro para desfrutar do xantar.

O Concello tradicionalmente instalará unha carpa con capacidade para 1.800 persoas, para xantar no seu interior e gozar do ambiente festivo que haberá na carballeira. Ademais, os grupos tamén participán coas merendas no exterior da carpa e de feito, contarán tamén con diferentes postos de comida.

Nesta edición, a xornada dará comezo ás 11:45 haberá unha actuación na Carballeira de Mosteiro a cargo da Asociacion Cultural Airiños De Orbazai Cantareiras. Acto seguido haberá pasarrúas a cargo da Tuna de Veteranos da Coruña. Seguirá, ás 13:15, a misa, para dar paso ao pregón, que estará a cargo de Ramiro Varela Cives, doutor cirurxán pediátrico. Unha hora máis tarde procederase ao descubrimento da placa conmemorativa do XXVI Aniversario da Festa do Emigrante no Concello de Pol.

Ás 14:30 comezará a sesión vermú amenizada polo grupo Pasión e ás 15:00 terá lugar o xantar popular. Pola tarde, a partir das 16.00 horas, haberá unha demostración de olería e a actuación da charanga Louband. Durante todo o día o Mago Antón fará actuacións. A música continuará pola noite, a partir das 23:00, coa verbena, que estará amenizada polas orquestras La Formula e Pasion.

Ata o día 22 de agosto estará aberto o prazo para a reserva gratuíta de mesas e sillas para as merendas. Para reservar débese chamar ao 982 345 029.

PREGOEIRO

O doutor Ramón Varela foi xefe do Servizo de Cirurxía Pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e desde maio do 2014 tamén é académico na Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia.

Participou en oito proxectos de investigación, un deles un programa de shock e outro sobre os factores que inflúen nos tratamentos hormonais, e foi o principal investigador do grupo que indagou na nutrición, crecemento e desenvolvemento humano en Galicia. No seu currículum tamén destacan numerosas publicacións científicas, 63 artigos en revistas nacionais e 33 en internacionais.

O cirurxán pediátrico, natural de Antas de Ulla, impartiu 59 seminarios, cursos e sesións clínicas e dirixiu a tutoría en 14 tesinas. Ramiro Varela conta xa con 18 distincións, a maior parte no seu ámbito profesional. No seu curriculum figura un premio da Fundación Barrié da Maza e foi membro da Comisión Nacional de Cirurxía Pediátrica.