O Concello de Vilalba retira de urxencia unha árbore derrubada polo vento no paseo fluvial

O Concello de Vilalba vén de retirar de urxencia unha árbore que, a consecuencia do vento, veuse abaixo no paseo fluvial do río Madalena. Ao longo da mañá, os equipos municipais retiraron este exemplar de modo urxente, en coordinación coa Confederación Hidrográfica.

Desde o Concello subliñan que “nada máis chegar ao goberno, abordamos este problema realizando un informe pormenorizado de todos os exemplares do paseo”, procedendo posteriormente, “en concreto o 17 de xullo, a remitir dito informe á Confederación Hidrográfica”, afirma o Tenente de alcalde, Rodrigo Pavón. En consecuencia, solicitaron ao organismo competente a tala e retirada das árbores secas e as que están no cauce do río.

Tras varias conversas coa Confederación, “podemos confirmar que se realizarán os traballos nas vindeiras datas, así como se fixo nos primeiros días deste mandato respecto da limpeza da zona de baño do río Madalena”, asevera Pavón.

Neste senso, o novo goberno destaca “como prioridade o mantemento e a recuperación dun dos paraxes máis fermosos e senlleiros do noso Concello”, e sinala que “aínda que nos prognósticos figura que diminúe a velocidade do vento, recoméndase prudencia e que no día de hoxe se eviten paseos en zonas con arborado”.

Etiquetas