Skip to main content
Actualidade

A Deputación contrata a asistencia técnica aos Concellos para que cobren unha taxa ás compañías enerxéticas

Por 23 Agosto, 2019Sin comentarios

A Deputación de Lugo avanza no proxecto pioneiro que ten en marcha co fin de que os Concellos da provincia poidan obter novos recursos económicos a través da aplicación dunha taxa ás compañías eléctricas e de gas polo uso que fan dos bens de dominio público para o transporte da enerxía. Para conseguir a implantación deste novo tributo municipal, a Deputación asinou xa o ano pasado un convenio de colaboración cos 53 concellos da provincia que decidiron sumarse a este proxecto, o que supón preto do 80% do total dos municipios lucenses.

O presidente da Deputación, José Tomé, informou de que o paso dado polo organismo provincial foi a aprobación na Xunta de Goberno da adxudicación do conxunto de traballos técnicos, económicos e administrativos que son necesarios para a aplicación da taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local que fan as empresas de subministro eléctrico e gas.

En concreto, as tarefas contratadas son a confección de ordenanzas fiscais reguladoras desta taxa para os 53 concellos adheridos ao convenio. A revisión e actualización dun inventario xa realizado pola Deputación das liñas de transporte de enerxía eléctrica de media e alta tensión. A elaboración dun inventario das redes de transporte de gas. A elaboración dos informes técnicos, xurídicos e económicos nos que se defina o procedemento para o cálculo da taxa. A estimación dos ingresos que supoñerá a implantación da taxa para cada concello e o asesoramento pericial ante calquera posible recurso das compañías distribuidoras de enerxía afectadas pola nova ordenanza.

Estes servizos serán prestados pola UTE gañadora do contrato que saíu a licitación, integrada por Hijos de Valbuena y Ron SL e Iurislocalia LSP. O orzamento no que foi adxudicado o contrato é de 246.393,51 euros e o prazo de execución é de 4 anos, aínda que durante os primeiros 8 meses, a adxudicataria terá que elaborar o inventario das afeccións das liñas eléctricas aos bens municipais de dominio público e o estudio técnico económico para a implantación da taxa. 

“Este interesante e ambicioso proxecto é froito do noso compromiso coa máxima cooperación cos Concellos para que poidan mellorar e ampliar os servizos que prestan ós veciños e veciñas”, subliñou o Presidente.

Os 53 Concellos adheridos ao convenio impulsado pola Deputación para implantar a taxa ás compañías enerxéticas polo uso do dominio público son os seguintes: Abadín, Alfoz, Baleira, Barreiros, Baralla, Becerreá, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, O Corgo, Cospeito, Chantada, O Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, Xermade, Guitiriz, Guntín, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Pantón, Paradela, O Páramo,  A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, A Pobra do Brollón, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Riotorto, Rábade, Sarria, Sober, Taboada, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo e Viveiro.

Remata a adxudicación dos desbroces

O Goberno rematou coa adxudicación do servizo de desbroce das estradas provinciais. Dos 24 lotes nos que está dividido o contrato, adxudicáronse a metade nas dúas primeiras xuntas de goberno deste novo mandato, e quedaban tres, que xa se aprobaron e son Mondoñedo e Abadín por 69.615,99 euros, e que fará os traballos a empresa Transformaciones Agrarias Os do Campo SL. Negueira de Muñiz e Navia de Suarna por 74.061,68 euros, e que está adxudicado a Maikel López López. E Bóveda, A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos por 92.795,44 euros, e que realizará as tarefas Desbroce y Jardinería Ancares SL. 

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a xustificación de 9 subvencións por un valor conxunto de máis de 18.600 euros concedidas ao abeiro do Plan de Recuperación e Incorporación de Terras para a posta en Produción de Recursos Gandeiros. Con este programa, froito do compromiso da Deputación coa xeración de riqueza e emprego no rural potenciando o sector agrogandeiro, recuperáronse na edición do pasado ano 582has de terras abandonadas na provincia para poñelas en produción.