Skip to main content
ActualidadeVilalba

Comezan a traballar as brigadas de prevención de incendios forestais de Vilalba

Por 23 Agosto, 2019Sin comentarios

As brigadas de prevención de incendios do Concello de Vilalba comezaron os traballos a pasada semana, realizando tratamentos en vías, camiños e outras superficies forestais da localidade. A alcaldesa, Elba Veleiro; o tenente de alcalde, Rodrigo Pavón, e o concelleiro de Medio Rural, Ignacio Criado, realizaron un encontro cos traballadores das brigadas para agradecer o seu labor e poñerse á disposición ante calquera incidencia.

As actuacións realizaranse nunha superficie total de 204.203 metros, máis de 180 Ha en marxes de viais, e consistirán principalmente na realización de desbroce a feito e selectivo (manual) respectando as especies vexetais protexidas pola lexislación vixente e os cultivos agrícolas. Así mesmo, garanten que “as accións quedarán condicionadas, en todo caso, a que non existan problemas de erosión na zona”.

O equipo de goberno amósase satisfeito de que comezaran os traballos, “logo da tardanza nesta anualidade, á espera da confirmación da Consellería de Medio Rural”, con quen se tiña firmado un convenio de colaboración no mes de xuño.

O obxectivo principal das brigadas centrarase na realización de traballos preventivos que diminúan a carga e continuidade do combustible vexetal, nas faixas de especial protección, contribuíndo así a diminuír o risco de propagación de incendios forestais e a minimizar os danos causados por estes sinistros.