As Anpas faranse cargo do servizo de Madrugadores de Vilalba de forma provisional

O Concello de Vilalba manterá o servizo de madrugadores de cara ao vindeiro curso a través das ANPAS, cunha partida específica para que xestionen e se garanta a continuidade do programa. O goberno dá conta desta medida, que cataloga de carácter provisional, ante a premura coa que tiveron que solventar o problema, que se atopaba en parálise polo desinterese do anterior executivo.

Polo tanto, o servizo xestionarase a través das ANPAS nas tres ludotecas da localidade (Minds, Veoveo e Larilandia), coa participación dunha máis que no ano anterior, onde un bus recollerá aos nenos e nenas para trasladalos a cada un dos centros. Para iso, no pleno de setembro “modificaremos o orzamento co obxectivo de incluír a partida correspondente para adxudicar unha subvención nominativa a cada unha das ANPAS para que desenvolva o programa”, aclarou a concelleira de Servizos Sociais, Marta Rouco.

Ademais, o equipo de goberno asegura que comezarán a traballar “desde xa nun Plan de conciliación municipal no que definiremos este servizo e outras medidas de cara a facilitar a conciliación da vida familiar, persoal e laboral”. Unha vez validado este Plan pola Xunta, “poderemos optar a axudas propias do goberno galego que ata o de agora non se tiñan solicitado, pois o plan conforma un requisito indispensable”.

Etiquetas