A Copa Deputación de fútbol e fútbol sala iniciarase en setembro

O deputado de Deportes, Efrén Castro Caloto, participou este xoves na presentación da II Copa Deputación de fútbol sala e da XXXVII Copa Deputación de fútbol, eventos deportivos nos que participarán 112 equipos da provincia. Durante o acto, que se celebrou no salón de actos do pazo de San Marcos, o deputado estivo acompañado polo presidente e o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán Abal e Carlos Méndez Moreira, respectivamente. Como en edicións anteriores, o organismo provincial resposta ás peticións dos clubs, asumindo os custos de arbitraxes e desprazamentos.

Castro Caloto explicou que a Copa Deputación “é unha gran oportunidade para o desenvolvemento do tecido deportivo da provincia, na que os equipos pequenos adquiren moita visibilidade”.

XXXVII Copa Deputación de Fútbol
Na Copa Deputación de fútbol serán 78 os equipos masculinos das categorías 3ª, 2ª, 1ª e Preferente os que competirán, así como 6 equipos femininos. Este ano, como novidade, a Copa Deputación de fútbol celebrarase desde setembro, e durará a maior parte da tempada, intercalando os partidos en xornadas de descanso dos equipos e días festivos. Trátase dunha petición dos clubs que equipara a temporada ás categorías profesionais, rematando a mediados de maio.

II Copa Deputación de Fútbol sala
A competición de Futsal terá lugar a principio de tempada. A xornada inaugural será o sábado 31 de agosto e o domingo 1 de setembro, mentres que a final xogarase o 1 de novembro.

O deputado de Deportes destacou que se repite “o éxito da primeira edición da Copa Deputación de fútbol sala, pois este ano participarán 28 equipos, 18 na categoría masculina e 10 na feminina, demostrando así a gran aceptación que ten a iniciativa”.

Etiquetas