Skip to main content
ActualidadeVilalba

Abre en Vilalba a mostra Os nove anos de Fraguas en Lugo

Por 27 Agosto, 2019Sin comentarios

A Casa da Cultura de Vilalba acolleu a presentación do proxecto-homenaxe Os nove anos de Fraguas en Lugo, á que asistiron a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz

O proxecto Fraguas en Lugo está composto polo libro Os nove anos de Fraguas en Lugo, que recolle textos dos promotores desta iniciativa, e doutros amigos e antigos alumnos de Antonio Fraguas, sobre os nove anos que este pasou en Lugo, e da profunda pegada que deixou na cidade e na sociedade lucense; unha exposición itinerante, composta por doce paneis, nos que se resumen os contidos do libro, e que está a percorrer toda Galicia; e a web fraguasenlugo.org, que recolle todas os contidos da publicación en papel.

Convocados polo profesor Manuel Regueiro Tenreiro, que tivo gran relación profesional e persoal con don Antonio Fraguas, reuniron recordos o historiador Antonio Prado Gómez (ao que nada do antigo Instituto Masculino de Lugo lle é alleo), e os antigos alumnos do vello profesor, Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz, para –por serlle dedicado a Fraguas o Día das Letras Galegas do ano 2019– facer un achegamento á pegada que o Mestre Fraguas deixou na cidade das murallas, e en todos os que “tiveron a sorte de telo por docente e amigo”.

Polo recente pasamento do profesor Manuel Regueiro Tenreiro, a homenaxe a Fraguas ven ser tamén unha homenaxe póstuma ao iniciador deste proxecto, o derradeiro no que con grande ilusión se involucrou.

O proxecto “OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO” contou coa colaboración do Colectivo Egeria e de GaliciaDigital no desenvolvemento de todas as accións, e co apoio da Xunta de Galicia.

A mostra, que iniciou o seu percorrido no Instituto Lucus Augusti (onde Fraguas ensinou durante nove anos) foi a continuación ao Instituto Rosalía de Castro de Santiago (onde Fraguas ensinou posteriormente), ao Instituto santiagués que leva o nome do profesor, á Casa das Letras de A Estrada e á Biblioteca Provincial de Lugo.