O Concello de Vilalba presenta a súa programación cultural para o outono

O goberno vilalbés vén de presentar a programación dos vindeiros meses no eido cultural. Setembro, outubro e novembro veñen cargados de “cultura con maiúsculas”, nunha aposta do novo executivo por “avivar a nosa lingua con espectáculos de calidade” tanto en concertos musicais como en obras teatrais.

Segundo vén de explicar a concelleira de Cultura, Vanesa Siso, “cada unha das eleccións que se inclúen neste programa está meditada, cunha proposta coherente e diversa que trasladamos á veciñanza con obxectivos didácticos e tamén de desfrute”. Neste senso, aparecen citas musicais protagonizadas por mulleres galegas como as Malvela ou Guadi Galego, que presenta o seu novo disco, “facendo fincapé no mes de novembro, dedicado especialmente a todas as mulleres” con obras teatrais como Bernarda Vilalba, ambientada na época de posguerra, ou Invisibles, unha adaptación da novela de Montse Fajardo con testemuños de mulleres que sufriron violencia machista. “Tamén queremos pensar nos máis pequenos e pequenas para que aprendan a través da cultura os valores da igualdade e respecto pola nosa terra, con obras como MaiMai sobre o quentamento global, ou Ela, unha obra para público familiar sobre o mundo artístico da pintora Maruxa Mallo”. Nesta liña de sensibilización e visibilidade tamén se enmarca Elisa e Marcela, sobre o primeiro matrimonio de mulleres que tivo lugar en A Coruña, datado no 1901.

Tamén haberá espazo para xéneros musicais con grupos máis aló das nosas fronteiras, como Morgan, a banda madrileña de pop-soul que repunta en moitos dos carteis de festivais a nivel estatal, e La porteña tango, un espectáculo integral cunha visión renovada do tango arxentino.

Neste programa tamén se inclúen obradoiros e faladoiros do programa Ler conta moito para bibliotecas, financiado cos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Tal é o caso de Bolboretas, para público infantil, 8M(ulier), unha narración oral para persoas adultas, e o obradoiro a cargo de Eli Ríos sobre diversidade sexual na adolescencia.

Ademais da iniciativa do Concello, “agradecemos a organización doutras xornadas e espectáculos a entidades como o IESCHA, e a colaboración e bo traballo da Escola Municipal de Teatro e o Centro Ocupacional de Vilalba, que actuarán sobre o escenario do Auditorio Municipal proximamente”. O Instituto de Estudos Chairegos organiza a actuación de Habelas Hainas, un grupo de música galega no Día da Cultura Chairega, así como de Berta Franklin, outro grupo con raíces locais que mestura soul americano con novos estilos. Tamén presentan obras de teatro como Toluras de proveito e as fillas de Eva, ademais de anunciar unhas xornadas de teatro e literatura para o 22 e 23 de novembro que confirmarán polo miúdo en vindeiras datas.

Finalmente, a través do programa Proscenio da Deputación de Lugo, tamén chegarán a Vilalba dous teatros de títeres, The Piccole Theatre, e Belarmina, a fabulosa velutina. O goberno local espera unha boa acollida de toda a programación, “animando a todas as persoas a que acudan a estas citas”.

Etiquetas