Abre nas Pontes un novo prazo para solicitar as axudas municipais á escolarización

O Concello de As Pontes abriu o 16 de setembro un prazo extraodinario para solicitar as axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos, unha achega municipal á que o Goberno local destina 35.000 euros no curso 2019-2020, un 16,5% máis con respecto ao curso pasado.

Esta convocatoria está dirixida ao alumnado de BAC, ciclos formativos ou Escola infantil que, por algún motivo, non puideron formalizar a matrícula nos diferentes centros educativos ata o mes de setembro.

As achegas están destinadas a atender os gastos de adquisición de libros e material escolar e para solicitalas é preciso estar empadroado no Concello das Pontes e que os ingresos da unidade familiar na declaración da renda do exercicio 2017 (base impoñible xeral máis base impoñible do aforro) non superen os 19.500 euros, sempre que a parte do aforro da base impoñible non sexa superior a 300 euros.

As solicitudes poden presentarse desde o 16 ao 27 de setembro, no rexistro xeral do Concello de As Pontes, en horario de 08:30 a 14:30 horas s ou na sede electrónica municipal. Pódese obter máis información no departamento de Servizos Sociais, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso.

Etiquetas