Vilalba reclama á Consellería a súa responsabilidade fronte aos problemas no Ceip Terra Chá

O equipo de goberno vilalbés vén de responder ante os medios de comunicación ao fío da problemática de abastecemento de auga no Ceip Terra Chá de Román e as declaracións do delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro. Segundo aseguran desde o Concello, “dende o momento no que tivemos coñecemento desta problemática puxémonos a buscar solucións cos técnicos, mais aclaramos que a situación non foi tratada como debera polo anterior executivo, ao que a Xunta non lle pediu explicacións publicamente”.

Tal e como indican os distintos axentes implicados, este problema “lévase dando ao longo de moitos anos, especialmente nos meses con máis sequía do ano”, plantexando principalmente dúas solucións ou alternativas, ou ben a construción dun novo pozo, ou ben unha traída de auga ata o lugar. Neste sentido, “recordámoslle á Xunta e ao señor Balseiro que o Concello ten como competencia o mantemento dos centros, non as obras novas”, engadindo que, segundo os informes xurídico-técnicos do propio Concello, “non corresponde á administración local a creación dun pozo novo por estar o colexio en solo non urbanizable de núcleo rural, e que a outra opción da traída de auga conleva unha actuación supramunicipal non asumible en exclusiva pola entidade local”. 

Polo de agora, estase surtindo o depósito con cisternas de auga captadas da rede de subministro, como método habitual, ademais de achegar palets de auga embotellada para cociñar e consumo directo, así como dispositivos para lavar as mans, subliñando neste senso que se ten realizado “unha analítica da auga extraída directamente da cisterna”, indican desde o Concello.

Etiquetas