Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

As análises periódicas de Guitiriz detectan un alto nivel de ferro na auga

Por 11 Outubro, 2019Sin comentarios

Na última analítica da auga recibida polo laboratorio contratado polo Concello de Guitiriz detectouse un alto nivel de ferro polo que o goberno local recomenda aos veciños e veciñas de Guitiriz non consumir a auga da traída ata que a situación se solvente.

Debido aos recorrentes problemas que sofre a auga en Guitiriz, o Concello realiza un control exhaustivo da auga para coñecer periodicamente o seu estado. Grazas a este seguimento continuo púidose detectar esta incidencia ao instante.

O resto de parámetros son totalmente correctos polo que a auga está cualificada como potable pero unha continua inxesta de ferro pode chegar a provocar problemas de saúde, por iso é polo que se desaconsella o consumo ata que os niveis de ferro volvan á normalidade.

O goberno local vén traballando continuamente para liquidar esta recorrente problemática que afecta a auga de Guitiriz e, nese sentido, xa se sacou a contratación un proxecto para desviar o  subministro de auga e que non pase polo encoro, facendo uso dunha antiga rede de circunvalación. Ademais, onte mesmo, a alcaldesa, Marisol Morandeira, e outros membros do goberno local, estiveron a buscar posibles novas captacións da auga para evitar depender da do pantano.

Doutra banda, se se prolonga no tempo esta situación, o  Concello estudará bonificacións económicas na factura da auga para os afectados e afectadas para compensar o tempo que non poidan facer un uso normal do servizo.

Marisol Morandeira explicou que “o episodio detectouse a tempo e estamos a traballar para que todo volva á normalidade canto antes”, pediu desculpas aos veciños e veciñas de Guitiriz polas “molestias que ocasionan estas incidencias na vida diaria” e amosou o seu compromiso de traballar “sen descanso para que este recorrente problema se resolva dunha vez por todas”.