Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta levará as súas asembleas ás 29 parroquias do Concello

Por 5 Novembro, 2019Sin comentarios

Vilalba Aberta ven de dar un paso máis na súa aposta pola participación da xente na vida municipal. Logo de dobrar a súa representación nas pasadas eleccións municipais cun programa e cunha candidatura elaborados de xeito participativo, a formación asemblearia anunciou a posta en marcha da Rede de Parroquias, unha estratexia que pretende trasladar a súa dinámica de asembleas abertas ás diferentes parroquias e barrios do Concello, co fin de coñecer de primeira man as súas necesidades e incorporalas á axenda política da corporación.

“Dende Vilalba Aberta queremos dar resposta ao que tantos veciños das parroquias nos dixeron semanas antes da celebración das Eleccións Municipais: As reunións nas parroquias, durante os catro anos e non só en campaña electoral”, apuntaba esta mañá o voceiro da formación, Modesto Renda.

Unha visión, compartida pola súa compañeira e nova concelleira de Vilalba Aberta, María Xosé Fernández, quen contextualizou a iniciativa na necesidade de cumprir co compromiso adquirido coa veciñanza nas diferentes xuntanzas nas parroquias na campaña das Municipais. “A iso nos comprometemos e iso será o que faremos: Levar as nosas asembleas ás 29 parroquias do Concello de Vilalba.”

Dende a formación anunciouse ademais a que será a primeira cita desta Rede de Parroquias, fixada xa para este mércores día 6, ás 21.15h, na Escola Habanera de Santaballa, e á que se lle irán sumando cunha periodicidade mensual as destinadas ás restantes parroquias de Vilalba.

“Estamos a falar de encontros abertos, aos que calquera persoa pode achegarse para trasladar as súas consultas e demandas. Ademais, e como é lóxico, contarán coa presenza dos concelleiros do Grupo Municipal e dos integrantes do Grupo de Coordinación de Vilalba Aberta.” Lembrou a este respecto Renda.

É por isto que animan á veciñanza das parroquias a participar, non sen antes trasladar o seu “profundo agradecemento” á directiva da Liga Santaballesa e da Asoc. Agarimo, así coma ás das restantes AAVV das Parroquias confirmadas, por “permitiren facer posibles uns encontros, a celebrar sempre nos diferentes locais sociais das asociacións.”