Guitiriz e As Pontes acollerán intercambios con Portugal

O Concello de Guitiriz é un dos seis municipios Galegos, xunto con Ponteareas, Vilagarcía, As Pontes, Pontevedra e Verín, que se adheriron ao programa ‘Intercambios Galicia-Portugal: os municipios a prol dos ODS’ organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Así, o 21 e o 22 de novembro na Casa Habanera, terá lugar o encontro coa Cámara Municipal de O Seixal (Portugal) co obxectivo de promover a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable no ámbito local e coñecer exemplos de boas prácticas no marco da Axenda 2030 fixada pola ONU.

As sesións estarán dinamizadas por persoal especializado da ONG lisboeta Instituto Marquês de Valle Flôr. Ademais de presentar o perfil de cada municipio, o galego e o portugués, e de revisar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, as xornadas de traballo permitirán profundar nas fases para a localización dos  ODS, é dicir, para integralos nas políticas públicas locais.

Cada un dos 17 ODS aprobados en 2015 polas Nacións Unidas estrutúrase en metas concretas, ata sumar un total de 169, que buscan erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas nun prazo de quince anos.

Paralelamente a este encontro, haberá unha exposición que virará ao redor dos 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable.

Etiquetas