Skip to main content
ActualidadeTERRACHÁXA

Bota andar’Prende! Bota raíces no rural’ para crear emprego xuvenil

Por 19 Novembro, 2019Sin comentarios

A Deputación de Lugo pon en marcha Prende! Bota raíces no rural, un novo proxecto para crear emprego xuvenil e fixar poboación nas zonas menos poboadas da provincia. O Presidente, José Tomé, xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, presentou este xoves o plan de emprego, que conta cun orzamento de 300.000 euros, achegados nun 92% polo Fondo Social Europeo. 

 “Queremos que a xente nova se quede a traballar e a vivir no noso rural, e con este novo programa que hoxe presentamos dámoslles ferramentas para conseguilo, axudándolles con formación e experiencia laboral a atopar un futuro nos seus concellos ou nas súas comarcas, ben sexa como emprendedores ou por conta allea”, subliñou o Presidente.

Prende! Bota raíces no rural  conta con dúas fases, unha de formación teórica e outra de experiencia laboral. Na primeira parte, 60 mozos  recibirán formación en catro actividades profesionais cun importante peso no tecido produtivo da provincia e que contan cun gran potencial de crecemento.

Estas son, as enerxías renovables, a hostalería e o turismo, a xestión forestal e a agricultural e gandería. As persoas interesadas nunha formación que non se desenvolva na súa zona poderán participar igualmente.

A maiores, tamén se ofrecerá unha acción formativa específica en autoemprego para aquelas persoas que queiran emprender o seu propio negocio.

A formación terá unha duración de catro semanas, período durante o que os participantes percibirán unha remuneración de case 14€ por día. 

Na  segunda fase do programa, a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral. O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410€ por cada persoa contratada.

Pola súa banda, os traballadores e traballadoras contratados percibirán como mínimo 900€ ao mes. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510€ para poñer en marcha o seu proxecto empresarial. 

A quen vai dirixido

Prende! Bota raíces no rural está dirixido a un dos colectivos que o teñen máis difícil para encontrar un emprego: menores de 30 anos, desempregados, que non estean a estudar. Deben estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e empadroados en concellos lucenses de menos de 5.000 habitantes ou de entre 5.000 e 10.000 que presentan un saldo demográfico negativo na última década. “Axudaremos así a combater o despoboamento precisamente naqueles concellos que máis o están a sufrir”, subliñou o Presidente da Deputación.

En concreto, os concellos dos que poden ser os beneficiarios son 55 dos 67 municipios da provincia, é dicir, o 82% do total. Son os seguintes: Carballedo, Taboada, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Paradela, Samos, Triacastela, Bóveda, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Antas de Ulla, Palas de Rei, Monterroso, O Incio, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Rábade, Meira, Pol, Riotorto, Láncara, Begonte, Cospeito, Muras, A Pastoriza, Xermade, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, Cervo, Ourol, O Vicedo, Xove, Barreiros, A Pontenova, Trabada, Abadín, Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e O Courel.

Os outros 12 concellos teñen máis de 5.000 habitantes, por iso non entran neste programa.

A Deputación prevé, segundo explicou José Tomé, que as bases para apuntarse neste novo plan de emprego queden aprobadas a finais de mes e que o período de formación comece a principios de ano.