As Pontes acolleu a presentación da curta ‘Nunca máis’

A Casa Dopeso, no Concello das Pontes, acolleu a estrea da curtametraxe Nunca máis, unha peza audiovisual baseada no guión do alumnado do IES Moncho Valcarce, gañador do V Concurso de Guións contra a violencia de xénero da Deputación da Coruña.

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, felicitou ao alumnado do centro, que obtén este premio por segunda vez na súa historia, e subliñou a importancia do papel que xogan as institucións públicas na loita contra a violencia de xénero. “Debemos poñer no centro da nosa actividade a erradicación de todo tipo de expresións de violencia machista e comprometernos a realizar un maior esforzo, coa obriga de articular medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero”, afirmou González Formoso, que incidiu tamén na importancia de actividades coma esta, que contribúen á sensibilización dos nosos mozos e mozas.

Antes da estrea da curtametraxe, proxectouse unha reportaxe sobre unha das accións de sensibilización posta en marcha polo Concello das Pontes durante o mes de novembro, ao abeiro da campaña “En Negro contra as violencias”

A través de diferentes intervencións educativas, achegouse aos nenos e nenas dos clubs deportivos municipais á importancia de valores como a corresponsabilidade, a igualdade ou a ruptura dos estereotipos de xénero, “ferramentas indispensables para a loita contra a violencia de xénero” subliñou a concelleira de igualdade do municipio, Tania Pardo.

Tras a proxección da reportaxe, elaborada polo persoal da televisión local das Pontes, tomou a palabra María Muíño, deputada de Igualdade, quen felicitou tamén ao alumnado e ao profesorado do IES Moncho Valcarce de As Pontes e anunciou que a curtametraxe se difundirá nos centros de ensino do país e estará en libre disposición na rede.

“O obxectivo desta convocatoria, coma outras que promovemos na Deputación da Coruña, é fomentar o proceso de reflexión e debate nunha idade en que é de especial importancia traballar na prevención do machismo”, sinalou María Muíño.
“A Deputación da Coruña está á cabeza do compromiso institucional contra a violencia machista e, de maneira especial, de concienciar e previr o feminicidio entre a poboación máis nova”, afirmou a deputada.
A continuación procedeuse á proxección da curtametraxe “Nunca máis”, peza na que se amosa a historia dunha relación tóxica de control onde a muller descubre a gaiola na que se atopa pechada e decide saír.

Tras a proxección da curtametraxe, o profesor Omar Rabuña, titor do obradoiro e editor da peza audiovisual, e o alumando que participou no proxecto, responderon as preguntas do público, nunha breve charla coloquio.

Etiquetas