O MUPAV fará en decembro unha homenaxe ao seu fundador

As actividades previstas este trimestre pol Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba contemplarán a realización dunha homenaxe a José Ramil Soneiro, médico e arqueólogo galego que fundou e dirixiu o MUPAV.

Esta celebración, que terá lugar o 14 de decembro, desenvolverase entre as 18.00 e as 21.00 durante un acto que se pretende lembrar o traballo e a vida deste erudito vilalbés no centenario do seu nacemento, que morreu no 2014.

O doutor Ramil exerceu a medicina en Vilalba, vinculado durante anos ao Servizo de Radioloxía da Seguridade Social en Lugo, pero destaca máis polo seu labor arqueolóxico.

As prospeccións levadas a cabo por José Ramil Soneira nos municipios de Vilalba, Xermade e Muras representaron unha absoluta novidade no panorama da prehistoria do noroeste da península Ibérica, abrindo o camiño ao coñecemento do poboamento de Galicia no plistoceno, rompendo coas vellas concepcións historiográficas grazas á súa investigación arqueolóxica sistemática aplicada á busca e estudo de depósitos ao aire libre. Este meritorio labor foi recoñecido en 1971 coa concesión, pola Real Academia Galega, do premio Federico Maciñeira. En adiante, compartiu os seus traballos cos profesores Carlos Alonso del Real e José Manuel Vázquez Varela.

Ademais desta homenaxe, o MUPAV ten previsto outras actividades, como unha viaxe cultural a Fonsagrada, os días 6 e 7 de decembro, ou outra a Ponferrada e León, para visitar a exposición Un brindis para el Príncipe, o 11 e 12 de xaneiro. Ademais, o 22 de febreiro continuarase co ciclo Coñece a Terra Chá visitando os concellos de Roupar e Lousada.

Etiquetas