Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

1,9 millóns de euros para accións de rexeneración e repoboación dos bancos marisqueiros

Por 5 Febreiro, 2022Sin comentarios

O Goberno autonómico pon a disposición do sector 1,9 millóns de euros para accións de rexeneración e repoboación dos bancos marisqueiros. Faino a través das convocatorias de 2022 de dúas liñas de axudas publicadas esta semana no Diario Oficial de Galicia, tal e como reflicten sendos informes analizados hoxe no Consello da Xunta sobre estes apoios. 

Unha das liñas de axuda é a destinada a proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sostibles, que conta cun orzamento de 1,6 millón de euros cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. 

Entre as actuacións subvencionables que inclúe están a repoboación ou reintrodución de especies autóctonas, polo que permite as sementeiras para recuperar os bancos que presenten elevadas mortalidades. Con esta liña de axudas tamén se subvencionan outras accións como a achega de áridos e a descompactación de substrato para promover a reprodución de organismos mariños. A elas súmanse outras accións como as destinadas a previr, controlar ou eliminar especies exóticas invasoras ou a reducir a contaminación. O importe máximo subvencionable por proxecto é de 75.000 euros (sen IVE).

A segunda convocatoria de achegas, cun orzamento de 300.000 euros financiados con fondos propios da comunidade autónoma, é para proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción das especies obxectivo polo menos nos últimos 12 meses anteriores á data de solicitude. Neste caso o importe máximo subvencionable por proxecto será de 15.000 euros (sen IVE).

Estas dúas liñas de axudas poden empregarse para paliar os efectos de episodios como os temporais que poden debilitar o marisco e provocar certa mortalidade nos bancos. Ambas permitirán ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras conservar o recurso, a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras e evitar a perda de zonas naturais. 

Ao mesmo tempo estes apoios contribúen ao desenvolvemento de proxectos para fomentar o sector marisqueiro como elemento clave na economía azul de Galicia e unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, importante para o mantemento da biodiversidade dos ecosistemas. O prazo de presentación de solicitudes a ambas convocatorias é dun mes desde a súa publicación no DOG. 

Un exemplo de accións que se subvencionan ao abeiro destas achegas son as sementeiras de moluscos. De feito, ao abeiro delas, a Consellería do Mar apoiou a repoboación de bancos marisqueiros con arredor de 240 millóns de unidades de semente de ameixa desde o 2010. As actuacións realizadas a través destas achegas e outras accións permitiron rexenerar desde ese ano máis de 15 millóns de m2 de zonas de marisqueo.