Skip to main content
Actualidade

Unhas mil persoas concentráronse novamente nas Pontes contra o peche de Endesa

Por 31 Decembro, 2019Sin comentarios

Ao redor dun milleiro de persoas volveron concentrarse este luns na praza do Carmen das Pontes para demandar unha “transición xusta” e que non se execute un peche “abrupto” da central térmica que ten na localidade a compañía Endesa, cuxa dirección solicitou ao Goberno o cesamento da actividade o pasado venres.

Convocados polo grupo de traballo do que forman todos os grupos municipais con representación no Concello, sindicatos, transportistas do carbón, comité de empresa de Endesa, empresarios e comerciantes; os veciños da localidade e comarca volveron ás rúas para mostrar o seu rexeitamento ao peche da planta.

Nesta concentración estivo presente o alcalde deste municipio, Valentín González Formoso, que trasladou que as probas previstas neste complexo enerxético coa utilización de biocombustibles atrásanse ” ata o mes de febreiro, para poder acometelas xa coa reforma realizada ao longo dos últimos anos”.

González Formoso estimou que a central térmica asentada na súa localidade “é viable” coa utilización da mestura de carbón e outros materiais, como biomasa e restos de lodos, polo que pediu “a colaboración de todo o mundo que ten que ver nun proxecto deste tipo”.

ANO E MEDIO PARA O PECHE

Por outra banda, Endesa anunciou que prevé que o proceso de peche definitivo da central térmica dure 18 meses, período no que se consumirán as 800.000 toneladas de carbón almacenado nas instalacións.

Así o trasladou o director xeral de Endesa Noroeste, Miguel Temboury, a través dun comunicado no que a compañía se compromete a manter carga de traballo para as empresas auxiliares durante o proceso de desmantelamento da central.

Endesa asegura que estas empresas continuarán prestando os servizos de “operación e mantemento da instalación” e, ademais, empezarán a traballar “nos labores de predesmantelamento” da central.

Neste sentido, avanzan a posta en marcha dun “programa especial de formación en desmantelamento e en tecnoloxías renovables do que se poden beneficiar os traballadores das empresas auxialiares”.

Por último, a compañía tamén resalta que contará con “empresas locais” para levar a cabo os proxectos de renovables cos que pretende reconverter a planta térmica.