Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

O asalto dos xubilados

Por 15 Febreiro, 2020Sin comentarios

Por Pablo Veiga

Recoñece un servidor que tiña en mente escribir un artigo moi diferente, mais a actualidade manda e neste caso, logo da publicación dunha nova nos xornais locais e que de inmediato foi espallada coma o lume polos diversos medios de comunicación, desde a prensa ata a radio e televisión, tanto aquí en Galicia como fóra, o tema ten que ser necesariamente outro. Neste caso, o asalto duns xubilados ás instalacións do balneario de Guitiriz, levando consigo toallas, albornoces e outros obxectos que se atopaban dentro do edificio. Coruñeses eles e elas que andaban de excursión pola zona que serían posteriormente interceptados non moi lonxe pola Garda Civil, quen procedeu a requisarlles o material substraído.

Os memes e as bromas sobre este suceso foron múltiples e variadas, suscitando a brincadeira e a risa de todos eles. Escoitouse dicir que os avoíños, ante a feble subida da súa pensión, era un furto como este unha opción para saír da precariedade; que tamén  cando participaban nos programas de turismo e termalismo social do Imserso, levaban a cabo prácticas similares, incluso coa comida. E algunha que outra viñeta na prensa, que plasmaba a imaxinación sen límites dos debuxantes. En fin, que unha vez máis desde a Nosa Terra suscitamos a risa e o cachondeo de nosoutros mesmos e dos demáis.

Aínda que, analizando o feito, se de algo carece é de graza. En primeiro lugar, tennos que caer a alma ós pés ver o que foi no seu día un hotel balneario punteiro, con campo de golf anexo, cuns servizos de primeiro nível, esmorecer e ser vítima de actos vandálicos sen que existan remedios para elo. Agardemos que o máis axiña posible volva reabrir as súas portas, xere de novo varias ducias de postos de traballo e as súas habitacións volten estar ateigadas de clientes que veñen recibir as famosas augas.

En segundo termo, non poden producir simpatía as imaxes destes xubilados coruñeses entrando nun edificio que, teña ou non teña dono, a eles e a elas non lles pertence, e decidan levar consigo o que consideraron oportuno. Presuponse que os valores e principios humanos condenan este tipo de actuacións, que din moi pouco –mellor dito, din abondo- de quen as realiza. É sorprendente que algunhas persoas lles poda atraer levar para as súas casas un par de toallas, que a fin de contas teñen un custe mínimo e que non son súas. Sinceramente, resulta difícil atoparlle xustificación.

Despois queixámonos da corrupción na política, pero esquecemos que quen a exerce forma parte desta sociedade na que vivimos. Non son homes e mulleres que chegan doutro mundo e tampouco son extraterrestres. Evidentemente, non é o mesmo roubar un albornoz que levar unha comisión millonaria, por suposto que non. Mais cómpre non desculpar a fazaña dos maiores coruñeses en Guitiriz, porque se a relativizamos e miramos para outro lado estaremos demostrando que temos moitos déficits como comunidade, importándonos moi pouco o ben común. E aí si que estaría o verdadeiro problema.

Non si, queridos lectores?.