Skip to main content
ActualidadeVilalba

O Concello de Vilalba asumirá a xestión do comedor da escola infantil

Por 24 Febreiro, 2020Febreiro 27th, 2020Sin comentarios

O equipo de goberno do Concello de Vilalba vén de confirmar que asumirá a xestión do comedor da Escola de Educación Infantil, que comezará a prestar o servizo no próximo curso escolar. A entidade local costeará a posta en marcha do comedor para o alumnado deste centro, con nenas e nenos de 3 a 6 anos, logo das peticións por parte da comunidade educativa nos últimos anos.

“Firmaremos un convenio coa Xunta de Galicia para que contribúa á prestación deste servizo ás familias, e asumiremos a súa xestión porque sabemos da importancia que ten para a conciliación da vida laboral, persoal e familiar, especialmente nunha poboación tan dispersa como a de Vilalba, a pesar de non ser unha competencia que pertenza ao Concello”, explicou a edil de Servizos Sociais, Marta Rouco.

Neste senso, desde a consellería realizáronse as obras oportunas para habilitar un espazo no centro destinado ao comedor, “pero en ningún caso se responsabilizarán da súa xestión”, subliñou Rouco, engadindo que “nós xa nos comprometemos hai meses a aportar os electrodomésticos necesarios, coa idea de poñelo a funcionar o antes posible”.

Sendo coñecedores das demandas das familias con crianzas nesta escola, o Concello decide apostar polo incremento e reforzo de servizos “nun centro de ensino exclusivamente de infantil, con profesorado especializado”, sinalan. De cara ao vindeiro curso, desde o goberno realizarán as xestións oportunas, tales como a aprobación dun regulamento e a pertinente ordenanza para garantir a inicio do comedor en setembro.