Ata 28 proxectos aspiran a obter axudas do Plan Leader que xestiona o GDR 2 - Terra Chá

Membros da directiva do GDR Terra Cha mantiñan unha xuntanza co delegado territorial e a delegada de Medio Rural.

Permanece aberto, ata o 31 de maio, un segundo prazo de solicitude de axudas, para o caso de que a primeira convocatoria, cuxos proxectos están en valoración, non esgoten o orzamento dispoñible.

/ Enviado por redactor o Mar, 16/05/2017 - 19:20

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo un encontro de traballo coa presidenta e membros da directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural da Terra Cha (GDR-2) responsables da xestión dos fondos do plan Leader 2014-2020, nos dez municipios desta comarca máis Riotorto.

“Desde a Xunta de Galicia queremos contribuír a difundir a idea de que vivir no rural é unha elección que pode ser positiva desde o punto de vista profesional. Por iso, a través das axudas dos GDR queremos que os homes e mulleres emprendedores, aqueles que teñan na mente unha idea, dean un paso adiante á hora de impulsar novos proxectos”

Os apoios do GDR están orientados dun xeito especial a sectores como o agrogandeiro, o forestal e mesmo o turístico, porque estes son algúns dos puntos fortes da nosa provincia pero o abano de posibilidades e moi amplo, obtendo maior puntuación aqueles capaces de xerar novas oportunidades de emprego ou en ámbitos innovadores.

Lugo a provincia con máis proxectos presentados

No encontro tamén explicaron que, unha vez rematado o primeiro prazo de solicitude o 31 de marzo, presentáronse 28 proxectos que están en proceso de valoración. Con todo, permanece aberto un segundo prazo excepcional, ata o 31 de maio, para que se incorporen novas solicitudes, que serán valorados, ata que se esgote os 933.000 euros dispoñibles para este GDR. 

No conxunto de Galicia Lugo é a provincia con máis solicitudes 261. “Que a nosa sexa a provincia máis activa, é para nós un dato moi satisfactorio e proba o dinamismo da sociedade”-indicou o delegado. 

Balseiro aproveitou o encontro para felicitar aos GDR e agradecerlles a labor que desenvolven por dinamizar o noso rural.