Campamentos, ruta cabalar, cantos de taberna, fútbol e charlas informativas para agosto en Muras

O mes de agosto comeza en Muras con reunións nas parroquias para debater sobre asuntos de interese municipal ao mesmo tempo que se desenvolverán os campamentos de verán. Despois haberá tempo para unha ruta cabalar, cantos de taberna, fútbol e unha xuntanza de escolares.

/ Enviado por redactor o Mar, 25/07/2017 - 01:06

O Concello de Muras organiza novas charlas informativas para debatir temas vencellados ao Concello. Nesta ocasión as charlas desenvolveranse nas parroquias de Silán, O Viveiró, A Balsa e Muras.

Serán o martes 1 de agosto ás sete da tarde na Escola de Silán e ás oito e media na escola do Viveiró e o mércores 2 de agosto ás sete na escola da Balsa e ás oito e media na propia Casa do Concello.

Pero, ademais, nesta época estival o Concello prepara un campamento infantil e xuvenil entre o luns 31 de xullo e o venres 11 de agosto. Tanto a mini-ludoteca dirixida a nenos e nenas de entre 2 e 4 anos coma a escoliña de verán para rapaces e rapazas de entre 5 e 16 anos se desenvolverán na área recreativa da Veiga entre as dez da mañá e a unha e media do mediodía. As persoas interesadas en anotar os seus nenos e nenas poden contactar co Concello no teléfono 982 50 00 01.

Pero as actividades de verán continúan da man da Asociación Cabaleiros Atila cunha ruta cabalar o sábado 5 agosto e xa o sábado 12 no bar A Volta, Café Bar Santi, Casa Cándida e Casa Víctor cos Cantos de Taberna para deixar paso o domingo 13 ao segundo partido de fútbol que enfrontará a veciños e veciñas no campo municipal da Veiga neste verán.

Finalmente, o sábado 19 de agosto pecharanse as actividades do mes en Muras coa sétima xuntanza de escolares na tallería da Xestosa onde se desenvolverán xogos tradicionais e un xantar de confraternidade para o que é preciso inscribirse no teléfono 600 551 212.