A Casa Museo Manuel María presenta unha guía para coñecer o 'Regato do Cepelo'

O acto celebrarase este sábado 11 de xuño a partir das sete e media do serán coa música da Escolanía da Catedral de Santiago.

/ Enviado por redactor o Ven, 10/06/2016 - 16:31

O guía e responsable de Rutas Vivas, Fernán Álvarez, presenta o libro Regato do Cepelo na Casa Museo Manuel María o sábado 11 de xuño a partir das sete e media do serán.

O traballo sobre o Regato do Cepelo é consecuencia  da ruta viva deseñada no 2012: "Viaxar e vivir con Manuel María" e que xa leva catro anos servindo para coñecer a súa obra e a súa vida.

A figura do poeta Manuel María "é fundamental na miña profesión", apunta.  De feito, indica que "utilizo a cotío a súa obra como ferramenta de traballo, sendo un recurso imprescindible para realizar unha correcta interpretación do patrimonio natural, material e inmaterial". Así, "este libro ten como obxectivo facilitar o traballo dos meus compañeiros e compañeiras de profesión a través dun maior coñecemento deste espazo concreto, situado na Reserva da Biosfera Terras do Miño, e animalos a que sexan valentes á hora de amosar as riquezas ocultas do noso país, sen complexos e sempre chantados nesta terra nosa. Agardo tamén que serva para que o público en xeral descubra o regatiño que tanto amaba o noso poeta".

Tamén participarán no acto Felipe Senén, Paco Martín, Orlando Vivero e Alfonso Blanco. A Escolanía da Catedral de Santiago, baixo a dirección do mestre José Luis Vázquez, poñerá a animación coa estrea da versión cantada do Poema das Penas de Rodas de Manuel María con música composta pola estudante Lucía Cerviño Sánchez.