A cultura galega de base xúntase un ano máis en Outeiro de Rei na celebración do Convivio da Cultura Galega

A voz de Uxía porá o ramo a unha xornada festiva, este sábado, que comezará na Casa-Museo do escritor e seguirá na Carballeira da Santa Isabel.

/ Enviado por redactor o Xov, 07/07/2016 - 11:21

Todo está disposto para que a vila natal de Manuel María, o escritor homenaxeado este ano coas Letras Galegas, acolla o Convivio da Cultura Galega, a xornada festiva arredor do poeta que por terceiro ano consecutivo organizan a Casa-Museo Manuel María, a federación Galiza Cultura de entidades culturais galegas e a Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela, coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo e, nesta ocasión tamén, do Concello de Rianxo.

Como nas edicións precedentes, un amplo e diverso programa de actividades irase desenvolvendo desde as once da mañá, cando as bandas de música Sons e Soños de Rábade-Begonte-Outeiro, a Xuvenil da Escola Municipal de Música de Rianxo e a da Asociación Solfa de Compostela reciban as persoas asistentes na horta de Manuel María, o espazo da casa natal que el máis amaba.

Ás once e media, o público e as bandas desprazaranse ao cemiterio parroquial de Outeiro de Rei, no que repousan os restos do poeta, para lle faceren unha pequena ofrenda poético-musical. Despois continuarase a pé camiño da Carballeira de Santa Isabel, onde decorrerá desde ese momento a xornada festiva.

Así, a partir das doce actuarán ao pé do Río Miño a banda de Rábade-Begonte-Outeiro, dirixida por Armando Morales; a Xuvenil da Escola de Música de Rianxo, dirixida por Rafael Collazo; e a  Coral e Banda da Asociación Solfa, dirixidas respecticamente por Francisco Tobar e Fernando Rey: en total, arredor de duascentas persoas participarán deste concerto previo ao xantar para ir abrindo as ganas de festa. É destacábel a actuación da Banda Xuvenil da Escola de Música de Rianxo, que interpretará oito pezas musicais inspiradas noutros tantos poemas do libro de Manuel María Os soños na gaiola. Este concerto conta coa participación do Coro do CEIP Ana Mª Diéguez da parroquia rianxeira de Asados, formado por alumnado de Primaria.

Ás dúas da tarde está previsto iniciar un gran xantar popular na Carballeira: ao xeito das merendiñas que se adoitaban facer na Santa Isabel no tempo da infancia e adolescencia de Manuel María cada quen deberá traer a súa comida e bebida. A organización, por súa parte, dispón o espazo con mesas e cadeiras, habendo neste momento máis de 500 persoas confirmadas para participaren no xantar.  Apostando en recuperar ese espírito de romaría popular a sobremesa do xantar será tempo de foliada, festa, conversa en amizade e mesmo baños no Miño para quen quixer.

Ao nacer o Convivio da Cultura Galega como unha xornada de encontro de todo o asociacionismo cultural galego de base tamén terá lugar na mesma Carballeira, como nos anos anteriores, unha xuntanza das representacións das directivas dos colectivos culturais presentes, aberto en todo caso a quen se quixer sumar a ela. O seu obxectivo é intercambiar experiencias e ideas para afortalar o movemento cultural galego de base e tecer propostas que dean na celebración de iniciativas conxuntas. Esta reunión terá lugar catro e media da tarde.

A tarde do Convivio estará reservada de novo para a música: unha ducia de grupos musicais, de estilos que van do tradicional e o folc ao rock, irán pasando polo escenario. Xurxo Souto será quen anime unha tarde de troula na que, por suposto, non faltará a música feita cos versos de Manuel María, da man de Fran Amil e a tribo incomprensíbel con temas do disco A voz do vento.

A voz cálida e sensibilidade máxica de Uxía porán o ramo á xornada festiva cos temas do seu disco Uxía canta a Manuel María. Se este traballo musical ten o aquel especial de ter sido gravado ao vivo nun lugar como o auditorio da Casa-Museo, a antiga palleira da casa natal, o mesmo día do nacemento do escritor, o concerto que fecha o Convivio, previsto para as sete e cuarto da tarde, ten o valor engadido de se celebrar nun espazo único: lugar onde as augas do Ladra dan nos do Río Miño, espazo de festas, xogos, descubertas poéticas e traballos labregos do Manuel María neno e mozo, tan presente sempre na súa vida e na súa obra.