A Deputación mellora en Muras con 250.000 euros accesos a núcleos poboacionais e explotacións gandeiras

Danilo Requeijo, Mario Rouco, Darío Campos e Manuel Requeijo durante a visita ao municipio de Muras.

Con este orzamento, o Executivo Provincial mellora 19 vías que conectan con núcleos rurais, nos que viven unhas 70 familias, e con 16 explotacións gandeiras. O Executivo Provincial leva tamén servizos sociais a 34 maiores, porque a Xunta non o fai, e financia con 25.000 euros a contratación de profesionais para 6.500 horas de atención.

/ Enviado por redactor o Mér, 28/06/2017 - 18:53

O Presidente da Deputación, xunto ao Alcalde de Muras, Manuel Requeijo, e ao Tenente Alcalde, Mario Rouco, informou este mércores sobre as actuacións que o Goberno Provincial levou a este municipio chairego con 200.000 euros do orzamento de 2016 e as primeiras de 130.000 euros do presuposto deste ano. Campos Conde explicou que do total achegado ata o de agora, e que se incrementará, máis de 250.000 son para a mellora de accesos a núcleos poboacionais e explotacións gandeiras e 75.000 euros para prestar servizos sociais a maiores e ofrecer emprego. 

Campos, Requeijo e Rouco supervisaron as melloras executadas nos accesos á rúa José Ramón Puentes, na parroquia de Muras, e no acceso a Carrís, na parroquia da Balsa. Consistiron no aglomerado en quente destas vías públicas, que dan acceso a núcleos poboacionais, nos que viven unhas 10 familias, e a unha ducia de explotacións gandeiras. O Goberno da Deputación financiou estas actuacións con 58.600 euros. 

O Presidente adiantou que o Executivo Provincial achegou outros 130.000 euros para o arranxo doutros 17 accesos a núcleos poboacionais, nos que residen outras 60 familias, e a unhas 6 explotación gandeiras. Estas melloras levaranse a cabo en vías públicas nos núcleos de Rebordelos e Aborbo, na parroquia do Viveiró; Santar e Ameixeiras, en Ambosores; O Porto Novo, Cabana, Armada, Cuíñas de Abaixo, As Cuíñas e Debodas, na de Muras; Carregal e Armada de Abaixo, no Burgo; Aguillal e Cotelo, na Balsa; e Sabucedo, O Pico e Suaschousas, en Irixoa. 

Consistorio e aforro de custos

O Presidente supervisou os traballos que se están a levar a cabo no Consistorio e que consisten no revestimento das fiestras, pois esta edificación pública ten problemas de illamento térmico, que provocan a filtración de correntes e humidades en teitos e paredes. O Executivo Provincial financia con 25.000 euros estas actuacións, que, ademais, contribuirán a reducir a factura de calefacción. 

Xeración de emprego

Campo Conde mantivo un encontro cos catro novos traballadores que comezaron a súa vida laboral en Muras a través do DepuEmprego, a programación coa que o Goberno Provincial financia os custos da contratación de profesionais cos que reforzar a prestación de servizos públicos que os municipios teñen que prestar aos veciños. Con case 50.000 euros, neste Concello chairego traballan 1 condutor, 1 auxiliar administrativo, 1 técnico administrativo e 1 educador social. 

Reforzo dos servizos sociais

O Presidente tamén visitou a maiores que está a atender o Goberno da Deputación en Muras porque a Xunta de Galicia non o fai ao non telos catalogados como dependentes. Son 34 os veciños do municipio os que se atopan neste situación e aos que o Executivo Provincial ofrece atención profesional a través do Servizo a Domicilio a non dependente e da Teleasistencia gratuíta. Faino achegando uns 25.000 euros, que permiten ofrecer preto de 6.500 horas de atención e a contratación de profesionais neste eido para poder facelo.