Do 4 ao 15 de xullo, campo de traballo voluntario para a recuperación da Neveira

Rey Varela cos alcaldes dos concellos que acollen campos de traballo coma o de Xermade.

A consellería de Política Social fomenta o voluntariado con este tipo de campos de traballo de verán que tamén se desenvolven noutros tres concellos lucenses. O conselleiro asinaba este sábado 24 de xuño os convenios de colaboración con cada un dos alcaldes.

/ Enviado por redactor o Sáb, 24/06/2017 - 23:22

A Consellería de Política Social subscribiu os convenios que permitirán a organización dos campos de traballo en Xermade, Folgoso do Courel, Pantón e Quiroga, ao abeiro da  campaña de verán 2017 da Xunta de Galicia. Esta iniciativa é unha ferramenta de educación non formal para a xente nova con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, xa que engloba experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade, e ademais axudan a dinamizar a vida xuvenil nos concellos galegos onde teñen lugar. 

Nesta liña, destaca o carácter altruísta e solidario das actividades que se desenvolven nestes campos, o que permite aos participantes poñer o seu grao de area á sociedade. Este programa de verán promove valores como o traballo en equipo, a convivencia e o respecto, así como a implicación da xuventude na sociedade ao afondar en materias que son do seu interese e lles abren novos camiños para a súa realización persoal. 

Os convenios asinados permitirán levar a cabo campos de traballo en catro municipios da provincia lucense. Todos eles son de ámbito internacional, ofrecendo así a oportunidade aos participantes de estar en contacto con mozos e mozas doutros países. 

O campo de traballo de Xermade terá carácter arqueolóxico e centrarase na protección, recuperación do patrimonio inmaterial e conservación do ben etnográfico A Neveira.  Desenvolverase do 4 ao 15 de xullo e os 20 mozos e mozas que participen realizarán tarefas de reconstrución de parte dos elementos dos muros descubertos e documentarán baixo metodoloxía antropolóxica a estrutura e a súa relación co Camiño Real da Carba. Así mesmo, farán unha recollida da toponimia da contorna, difundirán a cultura galega a través do traballo realizado e sensibilizarán e formarán á poboación local e foránea para garantir a valoración do patrimonio natural e cultural. Os participantes tamén realizarán outras actividades complementarias como rutas de sendeirismo, excursións e actividades deportivas. 

Actividades nas catro provincias galegas

Este verán, os mozos e mozas galegos poderán escoller entre participar nos 28 campos de traballo que se organizan nas catro provincias galegas ou ben elixir entre as prazas que se ofertan en campos no estranxeiro e noutras Comunidades Autónomas. 

Esta actividade enmárcase na Campaña de Verán 2017 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado baixo a lenda “O teu verán colle nunha mochila”. Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas. En total, son 9.572 as prazas que se ofrecen, o que significa incrementar nun 6% as prazas dispoñibles no ano pasado. 

Ademais destes campos, a campaña de verán inclúe albergues, campamentos e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. A Consellería de Política Social destina un orzamento de 2,9 millóns de euros a esta campaña. 

Cómpre destacar que, outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 monitores/as e directores/as de campamentos. 

Estes números consolidan a Galicia como a Comunidade Autónoma que máis prazas en campamentos de verán oferta para a mocidade. Deste xeito, blíndase a posibilidade de que a xuventude empregue o seu tempo libre nos meses de xullo e agosto participando en actividades de educación non formal de moi diversa índole: cultural, medioambiental, deportivo, de voluntariado, etc., que lles servirán para divertirse e tamén para o seu enriquecemento persoal e vital.