Leña Verde de Pol celebra o seu vixésimo terceiro festival co mago Manuel Lamas e Airiños da Freba

Leña Verde de Pol, en concerto.

A cita será o vindeiro sábado 5 de agosto na carballeira de Mosteiro onde se disporá dunha carpa con espazo para as merendas. É necesario reservar espazo antes do venres 4 a través do teléfono 657 87 64 50. 

/ Enviado por redactor o Dom, 30/07/2017 - 18:55

A asociación cultural Leña Verde de Pol impulsa unha nova edición do Festival Leña Verde que encherá de música a carballeira de Mosteiro o sábado 5 de agosto.

O presidente do colectivo, Jesús Trigo, explica que “sempre se celebraba o último domingo de xullo ou o primeiro de agosto; pero, este ano, por cuestións de axenda celebrarase o primeiro sábado de agosto”.

A xornada festiva comezará cunha sesión vermú a cargo dun grupo tradicional antes do xantar de confraternidade na carpa que instala o Concello de Pol dotada con mesas e asentos.

Igual que na edición anterior, é necesario reservar mesa antes do venres 4 de agosto no teléfono 657 87 64 50 para a merenda; aínda que os rapaces da Sociedade Deportiva Pol ofrecerán servizo de cafetería e bar e no recinto tamen haberá polbo a prezo de feira. Deste xeito, “o festival está aberto ao público en xeral” onde cadaquén “pode comer ao seu gusto”; xa que non se establece un menú pechado para todos e todas.

Pola tarde, a partir das cinco, a animación correrá a cargo do mago Manuel Lamas, o grupo anfitrión Leña Verde e Airiños da Freba que presentan o seu novo disco: “O’ de Lacón”.

Leña Verde, en activo

A asociación cultural Leña Verde organiza ao longo do ano unha festa polo Entroido e os Cantos de Taberna polos bares, o Festival Leña Verde, un magosto popular e o “Mes do Teatro” coa colaboración da Deputación Provincial a través do programa Buxiganga. Pero tamén participan noutros intercambios culturais con outras asociacións ben a través do seu grupo de música coma co grupo de teatro.

A seguinte cita será o 20 de agosto na veciña vila de Meira pola Festa da Malla cun concerto en acústico no que interpretarán temas tradicionais e de autor coma os que se recollen no seu disco “20 anos a contratempo” que recolle a reedición do seu terceiro traballo discográfico “A contratempo” e outros seis temas pertencentes aos discos anteriores: “Leña Verde de Pol” (1998) e “Lares” (2003).

Precisamente coa venda de discos sufragan parte dos gastos da asociación.