Música cinematográfica para zanfoña dende Suecia na Casa das Ínsuas de Rábade

Johannes Geworkian Hellman ofrecerá un concerto o venres 9 de xuño a partir das nove do serán iniciando o ciclo 'Música ao Natural' que impulsa a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT).

/ Enviado por redactor o Mar, 30/05/2017 - 23:53

Utilizando a zanfoña con voz propia, Johannes Geworkian Hellman é coñecido coma un músico apaixoado e un artista cunha expresión singular que ama encontrarse e compartir a súa música coa audiencia.

E serán os oíntes da Casa das Ínsuas de Rábade os que teñan oportunidade de adentrarse nunha persoal narración musical -xa que toda a música está composta por Johannes inspirada en diferentes xéneros e inclúe as moitas cores da zanfoña contemporánea- durante o seu concerto do vindeiro venres 9 de xuño arredor das nove do serán.

Trátase dunha nova xeira do proxecto cidadán Asociación Galega de Custodia do Territorio que xunta música, natureza e cultura no rural a través dun pequeno ciclo de concertos, que tenta perpetuarse no tempo, se conta co apoio popular. Así, aproveitando viaxes de músicos nacionais e internacionais, organízamos unha serie de concertos no auditorio da Casa das Ínsuas, para gozar, neste entorno natural tan singular, de música tamén ao natural, dun xeito acústico e próximo ao público.

Os concertos fináncianse coa colaboración do público que, neste caso, deberá achegar 7 euros.

Un dos propósitos deste ciclo é valorar a música como traballo, como medio de vida, e apoialo coa nosa colaboración. Pero Música ao Natural, tamén considera importante valorar a artesanía, a autosuficiencia... o traballo vinculado á terra e aos oficios que nos falan da nosa tradición. Así, propoñemos unha sorte de troco: será benvido todo produto artesán ou de cultivo propio para cambialo polo concerto.

Polo tanto, Música ao Natural pretende abrir un espazo á creación, e poder establecer un circuíto moi singular, para gozar -a poucos centímetros- de proxectos acústicos de músicos de primeiro nivel internacional; aprender e gozar de culturas doutros lugares e ofrecer cultura de calidade no rural.