Música e fotografía na feira de Reigosa o 24 de xuño

A Charanga de Meira e o fotógrafo Juanjo de la Comba serán os principais protagonistas da novena edición de feira mensual de Reigosa organizada pola asociación veciñal.

/ Enviado por redactor o Xov, 22/06/2017 - 00:26

O próximo sábado 24 de xuño terá lugar a IX Edición da Feira de Reigosa (A Pastoriza) que organiza a asociación de veciños desta localidade pastoricense. Nesta ocasión os protagonistas serán a música, as fotografías e unha entrega de premios.

A exposición de fotografías “Baixo o mesmo sol” de Juanjo de la Comba recolle preto de corenta imaxes da fauna chairega e poderá visitarse no segundo andar do centro sociocultural Mariña Folgueira de Reigosa. Tense prevista unha visita guiada co autor a partir das doce do mediodía. Juanjo, natural de Melilla pero afincado na actualidade en Castro de Rei, cultivou o interese pola fotografía dende moi novo. Exerceu como fotógrafo da Policía Científica en Barcelona durante catorce anos e logo trasladouse a Madrid para colaborar coa Sociedade Española de Ornitoloxía.

Logo do percorrido guiado pola exposición, contra a unha menos cuarto do mediodía, farase entrega dun orixinal agasallo ao gañador da I Concentración de Coches Clásicos celebrada en Reigosa no mes de xaneiro. O premio consiste nunha reportaxe en vídeo do seu clásico ao resultar vencedor por ser o que recibiu máis votos do público asistente á feira de comezos de ano. “Faremos unha entrega de premios oficial na que proxectaremos o vídeo do coche gañador, un modelo que causou unha gran expectación entre a xente que acudiu a Reigosa” di Elba Sandamil, presidenta da asociación. Para a realización do vídeo a asociación de veciños contou coa axuda do equipo de Fusión Activa que, a través do seu proxecto Presume de Pueblo, leva colaborando coa directiva dende hai máis de medio ano.

A feira do 24 de xuño estará amenizada pola charanga de Meira, que actuará a partir da unha do mediodía no centro da parroquia. O público asista a Reigosa terá a oportunidade, ao igual ca nas anteriores edicións, de mercar artesanía, roupa, decoración, música, plantas ou calzado, entre outros. Tamén poderá degustar o polbo de Aurora do Carballiño ou comer no restaurante Boavista de Abadín que se traslada a Reigosa todos os derradeiros sábados de cada mes.