Morre o escritor vilalbés Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz. AELG

A Editorial Xerais confirmaba o pasamento dun dos autores máis traducidos da literatura galega.

/ Enviado por redactor o Mar, 12/07/2016 - 12:06

O vilalbés Agustín Fernández Paz falecía a primeira hora desta mañá no seu domicilio de Vigo tras unha longa enfermidade.

Formado como perito industrial mecánico e mestre licenciado en Educación é o autor dunha extensa obra, 67 libros, maiormente no ámbito da literatura infantil e xuvenil, Fernández Paz tamén ten publicado ensaio e libros divulgativos, especialmente relativos ao mundo da lingua e da normalización, no que estaba moi implicado.

‘Cartas de inverno’ (Xerais, 1995), o seu libro máis vendido, está a piques de chegar aos 100.000 exemplares só en galego. Xerais, a súa editorial de sempre, proxecta lanzar unha edición especial da que é a súa obra de ficción máis vendida (e a segunda en toda a literatura galega, só por detrás de ‘Memorias dun neno labrego’, de Neira Vilas). 

O autor máis traducido

Fernández Paz (é tamén o autor máis verquido a outros idiomas da literatura galega, con 115 traducións a 16 linguas diferentes, segundo datos de Iolanda Galanes, investigadora do proxecto Bitraga da UVigo. Ten preto de 50 traducidas para o español, máis de 30 ao catalán, unhas 20 ao euskara, e tamén ao asturiano, portugués, francés, árabe, coreano, italiano, inglés, búlgaro, bretón e esloveno, entre outras.