Muimenta confirma unha nova edición do Concurso de Tapas polo verán

A cita será do 11 ao 13 de agosto. A directiva da Asociación de Empresarios de Muimenta e os locais participantes revelarán nas vindeiras xornadas algunhas modificacións no concurso con respecto a anteriores edicións.

/ Enviado por redactor o Ven, 23/06/2017 - 01:41

A Xunta Directiva da Asociación de Empresarios de Muimenta, a cal engloba a gandeiros, profesionais e autónomos da parroquia, confirma que este verán volverá a celebrarse o Concurso de Tapas en Muimenta entre o 11 e o 13 de agosto entre as oito da tarde e as doce da noite.

Os locais participantes, e a Xunta Directiva deciden manter, despois de varias reunións, o Concurso de Tapas de Muimenta, que se volverán a celebrar na súa edición de verán aínda que con algunhas modificacións que se darán a coñecer nas vindeiras xornadas. 

O principal motivo destas mudas, é que, nos últimos meses estase a producir cambios nas direccións e ubicación de varios locais de hostelería da parroquia ademais dalgún peche. Polo tanto, deberanse adaptar as normas á nova realidade.

De todos xeitos, tanto a Asociación de Empresarios coma os locais de hostelería participantes manteñen o seu compromiso co pobo e coas tapas e lembran que Muimenta foi, xunto a Vilalba, dos primeiros pobos da comarca que empezaron a organizar este tipo de concursos.